O director xeral de Cultura presentou unha programación que inclúe máis de 40 actividades durante o mes de novembro

Anxo M. Lorenzo destaca a dobre vertente do programa 'Mes da Ciencia en galego' porque "prestixia a lingua e impulsa a actividade nas bibliotecas"

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do compromiso da Xunta para deseñar accións de dinamización do galego fóra das aulas, recollido no Plan xeral de normalización

Resalta que a proposta “achega o coñecemento sobre estas disciplinas a todos os públicos co obxectivo de favorecer a transmisión patrimonial do idioma”

A axenda, froito da colaboración das consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e de Educación, Ciencia, Universidades e FP, é unha das primeiras 50 propostas do Plan que se están poñendo en marcha

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a programación dunha nova edición do Mes da Ciencia en galego, unha proposta abrangue máis de 40 actividades nas bibliotecas xestionadas pola Xunta durante o mes de novembro e que, destacou, “reforza o noso compromiso coa lingua e coa dinamización cultural porque prestixia o idioma á vez que impulsa a actividade nos espazos bibliotecarios”.

Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé en que a iniciativa, organizada conxuntamente coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, “responde ao traballo do Goberno galego para deseñar accións de dinamización da lingua fóra das aulas” ao abeiro do novo Plan xeral de normalización aprobado no Parlamento de Galicia, co apoio da maioría dos grupos con representación na Cámara, e cuxas 50 primeiras medidas están xa en marcha.

Neste senso, tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, a través de obradoiros, contacontos, sesións experimentais, exposicións ou relatorios, “achegamos o coñecemento científico e tecnolóxico a todos os públicos ao tempo que se potencia a transmisión patrimonial do idioma”, ao que engadiu o obxectivo de “espertar a curiosidade por estas disciplinas, así como o pensamento crítico”.

Ademais, o responsable de Cultura sinalou a importancia dos equipamentos culturais como “espazos de encontro, participación, formación e acceso ao coñecemento, contribuíndo a reforzar a presenza da lingua nos ámbitos vencellados á investigación, á innovación e á divulgación científica”. Deste xeito, lembrou que o programa, ademais de desenvolverse nas bibliotecas físicas que xestiona o Executivo autonómico tamén se pon en marcha no servizo de A Furgoteca, que chega a 30 concellos do interior de Lugo e Ourense, ao que se lle unen as bibliotecas escolares, “outro dos piares fundamentais desta iniciativa que impulsa a colaboración con centros educativos, ademais de institucións científicas e entidades culturais", apuntou.

Deste xeito, a variedade da oferta permite dar resposta aos intereses de públicos moi diversos para que se introduzan na cultura científica e o fagan en galego, contando tamén coa colaboración do Consello Superior de Investigacións Científicas e nesta edición cun manifesto elaborado polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Jesús Sánchez García, especialista en arquitectura e urbanismo entre os séculos XVIII e XX.

Desde obradoiros e exposicións a espectáculos e experimentos

En Santiago de Compostela, a Biblioteca de Galicia programa a función de teatro H2...Oh!, o día 7; o obradoiro Misión CSIC: o segredo das Illas Cíes, para o día 14, e a peza teatral, Curie ou a simetría dos fenómenos físicos, o día 28. Mentres, a Biblioteca Ánxel Casal ofrece o obradoiro A maxia da ciencia!, este venres; o espectáculo Inventoras con mentes curiosas, o 14; un obradoiro infantil de astronomía e unha proposta de observación do ceo nocturno, para o 16, e o obradoiro Misión Ciencia, o 21 de novembro.

Pola súa parte, a Biblioteca Pública Miguel Ángel Garcés, na Coruña, propón os días 13, 20 e 27 o obradoiro Aves de cidade, ao que se lle une o 21 o taller Arqueoloxía experimental e outro, para o 28, baixo o título Sistema Lupo. Mentres, na Biblioteca Pública de Lugo está previsto este sábado o obradoiro Biotecnólogos resolven un crime na biblioteca; o día 14, a experiencia Xeometrías para pensar; o día 21 e o 28, outros dous talleres cos títulos Construción e programación de robots e Mans á ciencia!!, respectivamente, e a mostra Que hai de novo na ciencia?, que poderá visitarse ata o 21 de novembro.

Na Biblioteca Nós, de Ourense, prográmase mañá a actividade Poden ser sexistas as campañas institucionais contra o sexismo?, ao que se engade para o 10, 17 e 24 de novembro a función Contacontos pequenos científicos. Tamén se desenvolverá, o día 14, a acción Obradoiros de Ciencia. Jane Colden. Laboratorios das Plantas; o día 21, Obradoiros de Ciencia. Fabrica o robot tolo con Simone Gierzt; o 25, a proposta infantil Bebés e a ciencia musical; para o 27, o percorrido Redescubrindo Ourense. Hospitais, e o 28, o obradoiro Achégate á Ciencia. Todo isto complétase coa mostra bibliográfica Sobre Ciencia, ata o 30 de novembro.

En Pontevedra, a Biblioteca Antonio Odriozola organiza o obradoiro Experiencias científicas, este venres, ao que se lle unen os seguintes talleres: Robótica creativa, o día 13; Obradoiro de ilustración científica mariña, o 14; Maxia ou ciencia?, o 20, e Exploradores da ciencia: un museo para experimentar, o 27. Ademais, durante todo o mes pode visitarse a exposición Oceánicas: pioneiras da oceanografía.

Xa en Vigo, a Biblioteca Juan Compañel pon en marcha este sábado a iniciativa Arqueoloxía experimental, este sábado, no marco dunha programación que se completa coa xornada Misión ciencia: descobre, experimenta e crea, o día 14; o obradoiro Palitroques, o 21; o relatorio Ciencia mariña, o 27; a sesión The Smeds and the Smoos, o 29, e dúas exposicións durante todo  novembro: Revolución industrial: un mundo que cambiou para sempre e Oceánicas 2: pioneiras da oceanografía.

Imaxes relacionadas

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Lingua