O secretario xeral da Lingua participou na apertura da XXII Xornada de Normalización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia
Valentín García pon en valor os programas de dinamización que “fomentan a presenza da lingua nas actividades extraescolares”
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude traslada o compromiso do Goberno galego co fomento do idioma a través da posta en marcha das 50 primeiras medidas do Plan xeral de normalización
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2026
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, trasladou hoxe, na apertura da XXII Xornada de Normalización Lingüística das Escolas Católicas de Galicia, o compromiso do Goberno galego co impulso do uso e prestixio da lingua galega. Fíxoo en referencia ao traballo que se está levando a cabo desde a Administración autonómica para poñer en marcha 50 medidas do Plan xeral de normalización da lingua galega nos primeiros 100 días desde a súa aprobación no Parlamento de Galicia co apoio da maioría dos grupos da Cámara.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que participou na apertura deste encontro organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, puxo en valor a importancia deste documento para sentar as bases da política lingüística dos vindeiros anos ao abeiro dun amplo consenso social e co apoio de institucións e entidades. Neste senso, precisou que se trata de case 700 medidas que se centran, entre outras, na acollida e arraigo dunha cada vez maior poboación chegada do exterior, na mocidade e na ruptura da transmisión xeracional, así como outras destinadas a reforzar as iniciativas postas en marcha para impulsar a presenza do galego nas plataformas e aplicacións tecnolóxicas.
Así mesmo, detallou que as novas xeracións e o ámbito educativo como espazo de relacións sociais e de lecer ocupan tamén un lugar destacado a través do fomento de actividades complementarias ao currículo escolar con ferramentas como son os programas de radio, o teatro escolar ou as alternativas de conciliación. “Trátase de propostas que van máis alá das aulas e que nos permiten levar a cabo un traballo fundamental a prol do prestixio do galego a través das actividades extraescolares”, puntualizou.
O programa da xornada permitiu achegarse á figura de Neira Vilas, da man de Fernando Neira, sobriño do autor de Francisco Collantes, amigo persoal de Neira e docente do colexio San Jorge. Así mesmo, déronse a coñecer as iniciativas Vitamina G e Aquí tamén se fala e entregáronse os Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas de fomento do galego.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Lingua