Valentín García acompaña a Paco López-Barxas na presentación en Santiago de 'Ben-Cho-Shey inédito'

Volver

O autor reivindica neste novo libro, dado a coñecer na compostelá libraría Couceiro, a figura do intelectual ourensán Xosé Ramón Fernández Oxea

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou este serán, na compostelá libraría Couceiro, ao xornalista e escritor Paco López-Barxas na presentación do seu novo libro Ben-Cho-Shey inédito, publicado por Auga Editora co apoio da Deputación Provincial de Ourense.

Valentín García lembroulles aos presentes que López-Barxas “foi unha das persoas que tivo unha relación máis estreita con Ben-Cho-Shey nos últimos anos da súa vida, así que non podía haber ninguén máis axeitado ca el para escribir este traballo de reivindicación dunha figura tan valiosa como descoñecida para o gran público e pouco recoñecida en xeral”. “Esta proximidade á vida e á obra de Ben-Cho-Shey”, continuou o representante da Xunta, “asoman continuamente neste documentado volume que hoxe presentamos”.

Xunto con Valentín García e o autor do libro, Paco López-Barxas, interviñeron no acto o editor da obra, Xosé A. Perozo, e mais o crítico e investigador Armando Requeixo.

Artigos, ensaios e cartas

Ben-Cho-Shey inédito recolle unha serie de textos do intelectual galeguista, como as Cartas mallorquinas que o autor dera a coñecer por entregas no xornal vespertino La Noche en 1963. Inclúense tamén no volume unha serie de ensaios breves nunca antes editados que se ocupan de temas diversos e unha selección epistolar que inclúe cartas de Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Francisco Fernández del Riego, Cela, Antonio Fraguas, Ramón Piñeiro, Rodolfo Prada ou Pura Vázquez, entre outros. O volume complétase cunha informada biografía de Ben-Cho-Shey que proporciona claves para comprender os textos de Fernández Oxea.

Ben-Cho-Shey

Xosé Ramón Fernández Oxea (Ourense, 1896 - Madrid, 1988), máis coñecido polo pseudónimo literario Ben-Cho-Shey, foi un xornalista, escritor e investigador membro da Xeración Nós cuxa ampla e variada obra abrangue desde a arqueoloxía á etnografía, pasando pola historia ou a creación literaria. Foi membro das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista. Na posguerra, ingresou na Academia da Historia de Madrid, na Real Academia Galega e na Sociedade Xeográfica de Lisboa, entre outras institucións. A súa presenza en Madrid contribuíu a sustentar o galeguismo na emigración. En 1986 a Xunta de Galicia outorgoulle a Medalla Castelao.

Departamento: Tema: Lingua