Mañá a gran cita é na Concatedral, onde a Coral Casablanca ofrecerá o concerto de Campás no Camiño coa orixinal participación da banda de gaitas Xarabal

Os Bolechas enchen de cores o Nadal Solidario da Xunta de Galicia e van quentando motores para a derradeira fin de semana do ano

Volver

A popular familia, idea orixinal de Pepe Carreiro, visitou aos pacientes pediátricos do Hospital público Álvaro Cunqueiro antes de desprazarse ata o Tinglado do porto

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada territorial, Corina Porro, realizaron cos seis irmáns e o can Chispa, un percorrido polo espacio

Cómpre lembrar que o cerne deste espacio son as 24 entidades e organizacións sociais participantes coas que o Goberno galego busca fomentar a solidariedade

A xornada deste venres completouse cunha visita no marco do programa de 'Coñece o Teu Nadal' e o jazz da Fundación Mayeusis de Vigo

Vigo, 27 de decembro de 2019.- O Nadal Solidario da Xunta de Galicia encheuse hoxe de cores da man de Os Bolechas. A popular familia, idea orixinal de Pepe Carreiro, desprazouse de novo ata o Tinglado do porto para ir quentando os motores da que é a derradeira fin de semana do ano.

Fixérono tras unha parada previa no hospital público Álvaro Cunqueiro, ata o que se desprazaron para compartir unha tarde de diversión cos nenos e nenas que pasan estes días de nadal ingresados. Unha actividade que contou coa participación da delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, e o xerente da EOXI, Julio Comesaña.

Xa no espazo do porto vigués, sumábase ao pasacalle dos seis irmás xunto ao seu incondicional can Chispa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Cómpre lembrar que unha singularidade de Os Bolechas é que é un proxecto creado e desenvolvido en Galicia e que, ademais, utiliza o galego na súa versión orixinal, xogando un importante papel na promoción e difusión do idioma, ata o punto de que moitos nenos e nenas teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico. Pero ademais, son cultura raíz e contribúen á divulgación e á formación, mediante o pracer e o divertimento dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia.

A xornada deste venres completouse cunha visita no marco do programa de Coñece o Teu Nadal e o jazz da Fundación Mayeusis de Vigo.

En canto á programación de mañá, a gran cita é na Concatedral, onde a Coral Casablanca ofrecerá o concerto de Campás no Camiño coa orixinal participación da banda de gaitas Xarabal, tal e como recordou Corina Porro. Con música de Ernesto Campos, no concerto participarán a propia Colexiata, San Francisco, Santiago de Vigo e Fátima. Os vigueses terán así a oportunidade de escoitar o diálogo entre campanarios, con dous músicos por cada un deles e conectados mediante unha aplicación informática co director da Coral Casablanca, Óscar Villar (achegamos estrutura da obra elaborada pola Coral Casablanca).

E novamente, o Festival de Panxoliñas Vigo, Xacobeo do Nadal e o grupo musical vigués La Comisaría serán os encargados de pór o son á noite do Tinglado a partir das 19.00 horas.

Espazo solidario

Cómpre lembrar que o cerne desta iniciativa son as 24 ONGs e organizacións solidarias participantes coas que o Goberno galego busca fomentar a solidariedade. Un lugar no que vigueses, turistas, peregrinos e empresarios poderán achegarse para aportar o seu grao de area. Un espazo, ideado pola Delegación Territorial de Vigo en colaboración coa sociedade civil e coa implicación de varias consellerías da Xunta e o Porto de Vigo, que busca canalizar a expresión solidaria dos cidadáns, pero que é moito máis, xa que permitirá encher a cidade de Vigo de cultura e tradición.

Deste modo, a iniciativa ten como obxectivo traballar coa sociedade civil, con entidades solidarias, fomentar accións participativas de ambiente familiar e colaborar en positivo coa cidade cun nadal próximo, xeneroso e solidario, con máis dun cento de actividades ao longo de todo o día en horario de 12 da mañá ás 10 da noite, estendéndose á medianoite os sábados e domingos.

Un proxecto co que se procura pór o foco de atención sobre os aspectos máis tradicionais do Nadal, nun espazo pensado para todos os públicos, coas familias como prioridade, cun programa que protagonizan os vigueses de principio a fin.

Nacemento da Catedral de Santiago

Un dos aspectos máis atraentes no interior do Tinglado é a mostra do Belén da Catedral de Santiago de Compostela, que en 60 metros cadrados amosa preto de 500 pezas articuladas. Asemade, hai tamén demostración de oficios tradicionais, concertos de coros infantís, jazz, teatro e danza.

O apartado da animación corresponde á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Están presentes, alumnos da Escola de Arte Dramático, o coro infantil da Fundación Mayeusis, a Coral Casablanca ou os Bolechas, entre outros. Asemade, grupos locais e de jazz encárganse de amenizar no horario ampliado ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.

Á decoración tradicional do Nadal se suman, no interior do Tinglado, nove casetas de madeira que contan actividades propias nas que participan a Autoridade Portuaria de Vigo, que dá a coñecer os seus ambiciosos proxectos medioambientais; a Consellería de Medio Ambiente, coa celebración de talleres infantís que ofrecen desde experimentos de “Ciencia Divertida” ata actividades de reciclaxe e concienciación medioambiental; a Consellería de Mar, con actividades informativas das súas campañas; a Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería do Medio Rural, que poñen o foco de atención nos seus diferentes programas; Anfaco, que fai demostracións de conservas, degustacións e organiza talleres informativos e showcookings; e as 24 ONGs que, en diferentes quendas durante as mañás e as tardes, teñen a oportunidade de trasladar o seu proxecto solidario á cidadanía.

Teñen así representación, APAM, Aspanaex, San Rafael, San Francisco, Igualarte, Down Vigo, Alento, Cáritas, o Comedor da Esperanza, as Misioneras do Silencio, AFAN, Ayuvi, Afaga, Asdegal, Red Madre, a Fundación Balms, Fundega, Discamino, Bicos de Papel, Asanog, Fundación Stop, Vida Digna, a Fundación Magar e a Asociación de Xordos de Vigo.

Así mesmo, a programación conta con xornadas especiais para os colexios, centros sociais de maiores e os nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Por último, a Fundación Celta de Vigo trouxo xogadores do equipo de primeira división e do equipo Integra, formado por deportistas con discapacidade (gañadores este ano da Copa de España), cos que os visitantes puideron compartir momentos e pedirlles autógrafos.

Poboado de Nadal, Reis Magos e carrusel

Xa no exterior do Tinglado, na viguesa Praza da Estrela, hai disposto un poboado de Nadal e unha gran caseta onde o Paxe real recollerá as cartas dos máis pequenos da casa. Un espazo que completan o clásico carrusel e grandes figuras representando aos Reis Magos e ao tradicional moneco de neve. O eixo principal desta decoración é o Camiño de Santiago e os seus símbolos: a vieira ou as mouteiras.

Tamén participan no exterior as asociacións de comerciantes de Vigo, que se aquendan para ofrecer información sobre campañas para as compras do Nadal nos barrios de Vigo; ou a Dirección Xeral de Xuventude, con animación xuvenil e máis de voluntariado para os mozos vigueses.

Hai casetas para garapiñadas e castañeiras tradicionais e un grupo de foodtrucks, entre os que participan: Pescanova, Frutas Nieves, La Joaquina e La Pepita. Todas elas contribuirán a este Nadal Solidario doando parte da recadación ás ONGs.

No solpor das fines de semana hai concertos de grupos vigueses.

Departamento: Tema: Lingua