O Día dos Medios en Galego visibiliza o uso da lingua propia de Galicia no ámbito do xornalismo

Volver

Valentín García participou nos actos organizados con este fin por AMEGA co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística 

Carballo (A Coruña), 7 de febreiro de 2020.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán, no Casino1889 de Carballo, nos actos de celebración do Día dos Medios en Galego organizados pola AMEGA (Asociación de Medios en Galego) co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Valentín García lembrou que “xa os homes e mulleres que, no século XIX, se esforzaron por erguer a lingua galega da situación de desamparo en que se atopaba se decataron do importante que era levar a lingua, non só á poesía e aos libros, senón aos xornais e revistas, os medios da época, e ter publicacións periódicas integramente escritas en galego”. “Hoxe os medios en galego seguen sendo fundamentais para a normalización do noso idioma”, dixo o secretario xeral, “e o seu crecente número e a súa crecente aceptación son, coido eu, un bo síntoma que nos debe animar a seguir traballando”.

Xunto co secretario xeral interviñeron tamén María Muíño, deputada da área de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña; Rebeca Munín, representante da Revista Pincha e membro da directiva da AMEGA, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo. A gala, conducida por Lupe Blanco, contou coas actuacións do actor e contador Avelino González e da banda de punk Terbutalina.

Coa celebración, cada 7 de febreiro, do Día dos Medios en Galego, AMEGA quere contribuír ao coñecemento e visibilización dun cento de medios de comunicación actuais que utilizan en exclusiva a lingua galega e poñen o foco na realidade de Galicia. A data escollida para esta conmemoración é a do 7 de febreiro, por ser aquela en que saíu á rúa, en 1876, o primeiro xornal integramente escrito en galego do Rexurdimento: O Tío Marcos d’A Portela.

A Xunta de Galicia, ademais de desenvolver campañas institucionais nos medios que empregan o galego como único idioma de comunicación, ten unha liña de subvencións exclusiva para empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente nesta lingua. Estas poden beneficiarse, ademais, das axudas xerais para empresas xornalísticas e de radiodifusión que contribúan á normalización do idioma e da cultura de Galicia. 

Departamento: Tema: Lingua