Charo Golmar presenta en Santiago o seu primeiro poemario ‘Nobelo de luz’

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística acompañou á profesora e escritora lalinense nun acto que se celebrou no Pazo de San Roque

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2020.- A profesora e escritora Charo Golmar presentou hoxe ao serán no compostelán Pazo de San Roque o seu último libro, Nobelo de luz, co que se estrea como poeta, da man de Edicións Fervenza. Acompañouna no acto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen sinalou a obra “como un canto á diversidade, tamén lingüística, á maior comprensión a prol de construírmos un mundo mellor para todas e todos”.

A presentación contou cunha lectura de poemas a cargo de Rosalía Morlán, Susi Arca e Loliña Chamadoira e cunha actuación musical de Manoele de Felisa e Begoña Blanco. Tamén participaron no acto Xosé Luna, autor do limiar; Amalia López Luchi, ilustradora; e Armando Requeixo.

Poesía a prol da diversidade

O poemario Nobelo de luz inspírase na experiencia docente da autora para narrar en primeira persoa os desexos e inquedanzas dun meniño especial que ten dificultades para expresarse e ser comprendido. A obra apela á esperanza para abrirlle os ollos á sociedade e concienciala de que cómpre un mundo máis comprensible e comprensivo. En palabras de Xosé Luna, autor do limiar, “Nobelo de luz é unha lección de vida para entender que todos somos diferente(mente) iguais”. A obra conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e do restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela.

A autora

A lalinense Charo Golmar desenvolve o seu labor profesional como docente no CEIP Xesús Golmar de Lalín (Pontevedra). Vencellada desde sempre ao mundo da literatura e da cultura, é colaboradora asidua en obras colectivas e participante activa en actos de recoñecemento a persoas relacionadas dos ámbitos cultural, literario e docente. É, ademais, membro do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas.

Entroutros galardóns, conta no seu haber con recoñecementos poéticos e é autora de obras colectivas, como Libro dos Reis Magos (2012), Homenaxe a Manuel María (2015-2017) , Homenaxe a Olimpio Arca Caldas (2016) ou Pico Sacro ferido polo lóstrego e a lenda (2017).

Departamento: Tema: Lingua