A Xunta e o Igadi colaboran nunha nova publicación para impulsar o uso do galego en todos os ámbitos

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do IGADI, Daniel González, presentaron hoxe ‘O mundo en galego: comprender o global desde aquí’

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2020.- O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González, presentaron hoxe no Pazo de San Roque a nova publicación O mundo en galego: comprender o global desde aquí, que se edita co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e que ten como obxectivo impulsar o uso do galego en todos os ámbitos.

Durante a presentación deste novo volume, Valentín García destacou a contribución do IGADI na dinamización social da lingua galega desde as súas publicacións e, nomeadamente, “desde a análise das relacións internacionais, xeopolítica e novos estudos globais nas que centra os seus traballos de divulgación”.

A publicación, que se pode descargar de balde na web do Igadi, conta coa colaboración de, entroutros, 17 analistas e especialistas de recoñecido prestixioso internacional, como Ignacio Ramonet (director de Le Monde Diplomatique en español), Yashmina Shawki (escritora e historiadora especializada en Oriente Próximo) ou Xulio Ríos (director do Observatorio de la Política China, fundador e presidente de Honra do IGADI), así como coa doutros colaboradores históricos como Carlos Teijo, Emilio Martínez Rivas, Serafín Otero, Alfredo Iglesias, David Balsa ou Xavier García e coa de novos referentes como Miriam González, Moncho Iglesias ou Paula Lamoso, que asina un artigo conxunto con Stelios Stavridis.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua