O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 apoiou xa máis de 350 iniciativas de empresas e profesionais do sector

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística fixo no Parlamento balance deste repositorio de contidos creativos en galego

Desde o seu inicio, a Xunta de Galicia destinou 2,5M€ nesta iniciativa enmarcada no Plan de Reactivación

O obxectivo é mellorar e preservar a actividade e o emprego de empresas, cooperativas, entidades sen fin de lucro e profesionais autónomos
 

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021.- O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 apoiou xa máis de 350 iniciativas de empresas e profesionais do sector. Así o anunciou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que fixo balance sobre esta iniciativa no Parlamento de Galicia.

O representante autonómico lembrou que este repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego púxose en marcha ao abeiro do Plan de Reactivación ao inicio da pandemia. Trátase, tal e como explicou, dunha iniciativa que naceu co obxectivo de “mellorar e preservar a actividade e o emprego no ámbito cultural de Galicia”, así como “xerar contidos de calidade, tanto dixitais coma presenciais, a disposición de toda a cidadanía” e “inxectar liquidez inmediata nas industrias culturais e reforzar as súas estruturas”.

“O éxito desta medida reflíctese no importante interese que espertou no sector”, afirmou Valentín García. Neste sentido, precisou que desde a súa posta en marcha, a finais do mes de maio de 2020, o Fondo de Proxectos Culturais destinou 2,5M€ para apoiar os proxectos de empresas, cooperativas, entidades sen fin de lucro e profesionais autónomos.

Tres modalidades temáticas

A meirande parte das iniciativas apoiadas forma parte da modalidade destinada a proxectos musicais, audiovisuais e de artes escénicas, na que se impulsaron 148 proxectos. Esta tamén foi a modalidade a que se destinou un maior orzamento, representando o 43% do total. O eixo temático de dinamización da lingua galega, do patrimonio cultural e proxectos editoriais, literarios e expositivos impulsou a creación de 130 proxectos, dos que máis da metade se desenvolveron de xeito presencial.

Por último, a terceira das modalidades, dirixida ao ámbito xacobeo, turístico, xeográfico, paisaxístico, gastronómico e de usos e costumes sociais contou coa participación de 78 proxectos que se levaron a cabo, na súa meirande parte, a través de medios dixitais.

Cómpre lembrar que todas estas iniciativas deben apostar pola lingua galega e contaron cunha axuda máxima de 10.000 euros no caso de seren empresas, cooperativas e entidades se ánimo de lucro que xeren emprego, ou de 4.000 euros se se trataba de profesionais autónomos. Ademais, co obxectivo de chegar ao maior número de beneficiarios posible, todas as iniciativas eran compatibles con axudas doutras entidades ou da propia Xunta de Galicia, excluíndo as da Consellería de Cultura.
 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua