O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, renovan o convenio ata o ano 2024

Xunta e USC colaborarán para reforzar a investigación da lingua galega nas redes sociais e na mocidade

Volver

O Goberno autonómico estende o seu apoio por catro anos máis coa intención de dar maior estabilidade aos proxectos dos grupos de investigación

Cun investimento de máis de medio millón de euros, darase continuidade ao traballo emprendido polo Instituto da Lingua Galega (ILG)

Faranse estudos sobre a interación das novas xeracións nas plataformas de texto e voz e se estudarán os procesos de transmisión da lingua nas familias

Avanzarase no patrimonio literario ao longo da historia e continuarase construíndo o Atlas Lingüístico de Galicia sobre os usos léxicos e gramaticais

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, renovaron hoxe a colaboración de ambas institucións no eido da investigación lingüística coa sinatura dun convenio que impulsará as accións do Instituto da Lingua Galega (ILG) nas redes sociais, a mocidade e a familia, entre outras.

Trátase dun convenio de catro anos, fronte aos de dous anos asinados ata o momento, co que se dá maior estabilidade á colaboración cos equipos de investigación da USC, e avanzar nos estudos científicos sobre o galego. A Xunta sufragará o 58% do investimento para tres liñas de investigación nas que o ILG está a traballar, mentres a USC destinará o importe restante. En concreto, este convenio permitirá pescudar no coñecemento do uso do galego da xente nova, con estudos que analizarán como interactúan en galego nas redes sociais e nas plataformas de comunicación de texto e voz, nomeadamente a través de Whatsapp e Telegram ou similares. Estudarase tanto a utilización de recursos lingüísticos como os non lingüísticos como iconas, emoticonas, gifts e outros materiais gráficos.

Ademais, tamén se estudarán os procesos de mantemento, transmisión e cambio de lingua nas familias galega e avanzarase nos estudos que se están a realizar no ILG sobre competencia escrita en lingua galega do estudantado de 2º de Bacharelato. Tamén se seguirá traballando no Atlas Lingüístico Galego, ferramenta que permite coñecer e actualizar a realidade lingüística desde o punto de vista gramatical e léxico e por zonas, e continuarase a investigar no patrimonio literario na historia e poranse en marcha, entre outros, proxectos e investigacións interdisciplinares sobre a lingua, o notariado e outros ámbitos da escrita da Galicia medieval.

Retos de futuro

O convenio desenvolverase ata o 2024 e conta cun investimento global de 825.360 euros, dos que o Goberno autonómico achegará 480.000 euros. Esta colaboración enmárcase no traballo da Xunta de Galicia pola dinamización e promoción da lingua galega en todos os ámbitos sociais. Este ano, a Xunta incrementou o seu orzamento nun 53% no ámbito da política lingüística, con melloras en campañas de normalización, programas de promoción, actividades de formación ou apoio a empresas editoras para proxectos en lingua galega.

Ademais, trabállase en retos para a lingua galega no século XXI como no do fomento da transmisión interxeracional da lingua nas familias, os desenvolvementos tecnolóxicos que permitan interactuar en galego no mundo dixital e tamén nesta lexislatura España, a través do impulso de Galicia, ingresará na CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa).

Os resultados avalan a política lingüística da Xunta. De feito, nos últimos anos, o galego vénse reforzando. Hoxe na nosa Comunidade falan galego máis persoas que fai cinco anos, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Ademais, o último informe PISA constata que Galicia é a comunidade autónoma onde o alumnado fala dúas linguas con máis facilidade. De feito, o 96% do alumnado afirma falalo o bastante ben como para conversar con outras persoas, por diante das outras comunidades con lingua propia.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua