A Xunta participa no acto conmemorativo do Día da Galeguidade Empresarial

Volver

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Foro Enrique Peinador promoven a efeméride, á que se suman este ano o Clúster Tecnolóxico Bioga e as tres universidades galegas

A celebración incluíu a sinatura dun acordo de colaboración con Bioga e co Foro Enrique Peinador en materia de normalización lingüística

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021.- A Xunta de Galicia, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe ao mediodía no acto conmemorativo do Día da Galeguidade Empresarial que acolleu a Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que incluíu a sinatura dun acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o Foro Enrique Peinador e Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida) en materia de normalización e promoción do uso da lingua galega.

Valentín García expresou a importancia “desta efeméride que recoñece o compromiso do sector empresarial galego coa promoción social do uso e normalización da lingua propia de Galicia” e saudou que Bioga se sumase ao “crecente número de empresas e entidades empresariais que se incorporan ao Foro Enrique Peinador porque comprenden que a lingua galega é un activo que as beneficia, á vez que exercen a súa responsabilidade social apoiando o idioma da Comunidade onde se radican”. “Estas empresas de éxito que traballan en galego son un referente e un modelo para as que as rodean e teñen un efecto chamada que agardamos que se deixe notar tamén, por extensión, no sector biotecnolóxico galego”.

Xunto co secretario xeral, ocuparon a mesa presidencial do acto o reitor da USC, Antonio López Díaz; o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, e a presidenta de Bioga, Carme Pampín Casal. O acto contou tamén coa participación de Mónica Valderrama Santomé, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, e de Carlos Aymerich Cano, secretario xeral da Universidade da Coruña.

Bioga comprométese co galego

Bioga é unha asociación empresarial sen ánimo de lucro constituída en 2012 que aglutina as organizacións integradas na cadea de valor do sector biotecnolóxico con sede en Galicia, traballando para mellorar o posicionamento competitivo do sector biotecnolóxico galego, buscando a mellora competitiva e a xeración do negocio mediante o impulso de accións e servizos directamente dirixidos ás empresas do sector. Centra as súas accións en servizo de interese directo ás empresas atendendo a cinco grandes áreas de actuación: crecemento e mellora da competitividade, innovación e impulso de proxectos, emprendemento e financiamento de proxectos, internacionalización e acceso a novos mercados e traballo en rede e intersectorial do sector bio.

En virtude do convenio de colaboración asinado hoxe a tres bandas en materia de normalización lingüística, entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o Foro Enrique Peinador e Bioga, este clúster comprométese coa promoción do uso da lingua galega tanto nas súas relacións internas como nas relacións empresariais externas cos clientes, así como nas accións formativas que promoven arredor da biotecnoloxía.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua