A Xunta convoca prazas en 10 Centros de Estudos Galegos de Europa e América

Volver

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as convocatorias polas que se renova neste curso académico o profesorado-lector de galego en centros universitarios de España, Italia, Francia, Brasil, Croacia, Alemaña e Reino Unido

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 5 de xullo a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2021.- A Xunta de Galicia convoca 10 prazas de profesorado-lector de lingua, literatura e cultura galegas no exterior. O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a convocatoria pública de prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas para o 2021 que teñen como centros de referencia lectorados universitarios de Barcelona, Kiel (Aleaña), Leipzig (Alemaña), Oxford (Reino Unido) e Euskadi. Así mesmo, publícanse as bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas para o 2021, destinada aos lectorados das universidades de Madrid, Padua (Italia), París (Francia), Río de Xaneiro (Brasil), Salvador de Baía (Brasil) e Zadar (Croacia).

Con elas, a Consellería de Cultura, Educación e Universidad renova 10 dos 27 lectorados universitarios que imparten docencia actualmente nos centros de estudos galegos que integran a Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia. En todos os casos, o prazo de presentación de solicitudes estará aberto a través da sede electrónica da Xunta ata o vindeiro 5 de xullo.

Estadías trianuais e novidades

O programa de formación e docencia ten un marcado carácter práctico e unha duración de tres anos académicos. Estará integrado por actividades relacionadas coa docencia, a programación e organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galega. As persoas adxudicatarias desenvolverán estas actividades no marco do convenio asinado coas universidades de destino de cada convocatoria.

Poderán optar ás prazas as persoas menores de 35 anos que estean en posesión dalgunha das titulacións de Filoloxía Galega, Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego; o Grao en Lingua e Literatura Galegas, o Grao en Estudos de Galego e Español, o Grao en Galego e Portugués ou a Licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que como mínimo teñan cursados determinados créditos en galego.

Como novidade con respecto ás convocatorias anteriores, tamén se poderá presentar quen estea en posesión dalgunha das titulacións da área de Humanidades, sempre que, como mínimo, acredite 18 créditos de lingua galega e estea en posesión do Celga 4 e, no caso de universidades de fóra de España, 21 créditos en materias da lingua oficial do país no que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

As persoas aspirantes terán que defender no mes de xullo, diante da comisión técnica de valoración constituída ao efecto, o proxecto didáctico que propoña aplicar no lectorado de destino, tal e como establecen as bases e os requisitos de participación das dúas convocatorias que xa se poden consultar no Portal da Lingua Galega.

Estratexia de acción exterior para a promoción da lingua e da cultura galegas

No marco da estratexia de acción exterior para a promoción da lingua e da cultura galegas, o ensino do galego impulsado desde a Xunta de Galicia a través da Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos chega xa a 16 países e 38 universidades, 29 internacionais e nove nacionais, localizadas en Alemaña, Brasil, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza.

A creación e funcionamento da devandita Rede responde a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega o ámbito da proxección exterior, que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua