Valentín García destaca o traballo feito por Elixio Rivas a favor da lingua galega na homenaxe do colexio San Narciso de Marín

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación do traballo ‘O reto da recuperación e xeolocalización toponómica de Marín’ en recoñecemento á figura do mestre

Marín, 21 de xuño de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe en Marín na presentación do traballo O reto da recuperación e xeolocalización toponómica de Marín que fixeron desde o colexio San Narciso en homenaxe ao relixioso, lingüista, etnógrafo e profesor Elixio Rivas Quintas.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade eloxiou a figura “de quen caladamente, sen buscar honores nin recoñecementos, foi un dos traballadores máis decisivos a prol da lingua galega de todo o século XX”. “Grazas á vizosa colleita de léxico ou de topónimos que el trouxo ao século XXI, o noso é un idioma máis rico e con máis posibilidades de renovarse a partir da súa mesma esencia”, engadiu. Valentín García agradeceu tamén “o seu traballo na Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, da que formou parte ata datas recentes, e a confianza depositada no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, onde deixou depsoitado o seu legado intelectual”.

Durante o acto, no que tamén estivo presente o propio homenaxeado, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o alumnado e o profesorado do centro San Narciso, presentouse o traballo O reto da recuperación e xeolocalización toponímica de Marín, un proxecto promovido polo equipo de dinamización da lingua galega que contou coa implicación da totalidade da comunidade educativa, así como cos restantes centros educativos e diferentes asociacións da vila. Consistiu na recuperación, xeolocalización e introdución na plataforma colaborativa Galicia Nomeada da toponimia e microtoponimia do concello, moita dela recollida no seu día por Elixio Rivas na súa tese de doutoramento A toponimia de Marín.

Unha vida dedicada á investigación

Elixio Rivas (Xunqueira de Ambía, 1925), exerceu como docente no colexio San Narciso de Marín durante 21 anos, tras o seu paso por Inglaterra, Cuba, Miami e Porto Rico. Ao mesmo tempo, licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén se doutorou en 1978 coa tese A toponimia de Marín. Cofundador da Asociación Galega de Onomástica (AGOn), da que foi presidente, e membro da Comisón de Toponimia da Xunta de Galicia desde 1978 ata practicamente a actualidade, é académico correspondente da Real Academia Galega.

Entre as súas obras pódense destacar, ademais da súa tese de doutoramento, Frampas I, II e II, Onomástica persoal do noroeste hispánico ou Lingua galega: historia e fenomenoloxía.

Recibiu o Premio Otero Pedrayo (1980), a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2000) e a Medalla de ouro da provincia de Ourense polo seu labor a prol da etnografía e da lingua galegas (2019). Ademais, foi o primeiro presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago, desde a que traballou para o recoñecemento e restauración da ruta mozárabe e pola difusión dos valores da Ruta Xacobea.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua