O secretario xeral de Política Lingüística acompaña a Diana Varela Puñal na presentación da obra 'A conxura'

Volver

O libro é o gañador da quinta edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, galardón apoiado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade

Vila de Cruces (Pontevedra), 29 de xullo de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no acto de presentación da obra A conxura, coa que Diana Varela Puñal se fixo coa quinta edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade felicitou a autora e recordou, nas Ínsuas de Gres, a Xosé Neira Vilas “que hoxe estaría orgulloso das obras que integran, nestes cinco anos, a nómina dun dos galardóns que contribúen a manter viva a súa figura, sempre no ronsel da literatura que el mesmo produciu e que inspirou e que vertebran tamén o xa coñecido Universo Balbino”.

No acto participaron, ademais do secretario xeral e da autora, entroutros, o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; Rosalía Morlán e Juan Andrés Fernández, integrantes do seu Padroado, e o músico Rodrigo Ramos, encargado de pechar o acto coa interpretación de temas musicais sobre poemas de Neira Vilas.

Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta

O Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta está dirixido a obras inéditas escrituras en lingua galega e destinadas a un público infantil e xuvenil. Desde a súa creación no ano 2016, na memoria do escritor crucense máis universal, foron galardoadas un total de cinco obras e autores: Diario de Brian, o chinés, de David Daniel Vázquez Álvarez (2016); O home de negro, de An Alfaya (2017); Detrás dos perdidos, de Pedro Rielo (2018); Esca, de Antonio Piñeiro (2019), e A conxura, de Diana Varela Puñal (2020). Todas elas están a disposición do público lector en edición de Embora.

O galardón conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e ten xa aberto o prazo de participación na súa sexta edición. Toda a información no Portal da Lingua Galega e no web www.neiravilas.gal.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua