Volve ‘O galego campa!’ con novas propostas para incidir na expresión e educación emocional da mocidade

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentaron hoxe a nova edición deste programa no Campamento Xuvenil Espiñeira

Durante este mes, as actividades chegarán a preto de 1000 mozos e mozas de estadía en 13 instalacións xuvenís dependentes de Política Social

Boiro (A Coruña), 3 de agosto de 2021.- Os campamentos de verán da Xunta volven acoller o programa de dinamización lingüística O galego campa!, tras o parón do ano pasado, con novas propostas coas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado buscan incidir na expresión persoal e na educación emocional da mocidade. As actividades chegarán a un total de 872 mozos e mozas, entre usuarios e monitorado, de estadía en 13 instalacións xuvenís dependentes da Consellería de Política Social.

Así o anunciaron hoxe pola tarde no Campamento Xuvenil Espiñeira o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel. “Presentamos a novena edición do programa, que este ano é sensible á complicada situación emocional que as restricións á mobilidade, á relación e á proximidade social derivadas da actual situación sanitaria xeraron entre a mocidade”, explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, quen recordou que “un dos compromisos da Xunta de Galicia é o de dinamizar o uso do galego na mocidade e ofrecer espazos e ámbitos de uso de interese para a xente nova, obxectivos para os que aproveitamos todas as oportunidades que nos ofrecen estas estadías estivais”.

Pola súa banda, Cristina Pichel puxo en valor a importancia que teñen este tipo de actividades, coas que se busca fomentar o ocio saudable e seguro da mocidade durante a temporada estival, así como favorecer o uso do galego no ámbito do lecer. Ademais, fixo fincapé na cantidade de programas que a Xunta de Galicia achega as galegas e galegos para levar a cabo durante a o verán, “máis necesarios que nunca para que a mocidade teña espazos seguros para poder desfrutar e, ao mesmo tempo, seguir formándose”, engadiu.

 

Actividades e novas propostas no Repositorio dixital de tempo libre

Tras o verán de 2020, volve O galego campa!, o programa da Xunta de Galicia destinado a favorecer o uso do galego nos campamentos de verán do Goberno galego e mais a facilitarlle ao monitorado formación e recursos para o desenvolvemento de dinámicas que animen os rapaces e rapazas a se expresar nesta lingua, de acordo coas liñas de traballo que se establecen no Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade 2019-2022.

As actividades, que incluirán a dinámica Canto te quero: conversas en grupo para falar de amor, chegarán ata o 14 de agosto aos campamentos Xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), Espiñeira (Boiro, A Coruña), Furelos (Melide, A Coruña), Illa de Ons (Bueu, Pontevedra), Area (Viveiro, Lugo), A Devesa (Ribadeo, Lugo), Benigno Quiroga (Portomarín, Lugo), As Sinas (Vilanova de Arousa, Pontevedra), Os Chacotes (Palas de Rei, Lugo), Mariña Española (Sada, A Coruña), Gandarío (Bergondo, A Coruña), Pontemaril (Forcarei, Pontevedra) e Penedos de Xacinto (Entrimo, Ourense).

Coma sempre, O galego campa! inclúe novos materiais para o Repositorio dixital de tempo libre en galego, de libre acceso para educadores/as e para calquera outra persoa interesada. Serán propostas encamiñadas a fomentar o diálogo na lingua propia de Galicia arredor da igualdade entre mulleres e homes, a educación para a paz e a prevención da violencia de xénero.

Toda a información e calendario de actividades no Portal da Lingua Galega, en http://www.lingua.gal/o-galego-campa, e na Axenda de Cultura de Galicia.
 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Xuventude, Lingua