A Xunta concede as axudas para o libro galego dirixidas á tradución de 132 proxectos impulsados por 33 entidades

Volver

A contía total das axudas ascende a 200.000€, nunha convocatoria que este ano pasou a ser especifica para a tradución

O obxectivo é favorecer que as obras galegas se editen noutras linguas, apoiando a proxección internacional da nosa cultura, ao tempo que se fomenta a publicación en galego de obras escritas en idiomas como o inglés, o alemán ou o italiano

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2021.- A Xunta de Galicia vén de conceder axudas para o libro galego , dirixidas á tradución a 132 proxectos impulsados por un total de 33 entidades. Este ano esta convocatoria pasa a sufragar os gastos de tradución, cun orzamento de 200.000€. A maiores, o pasado 2 de xullo convocouse outra liña de subvencións dirixidas á edición, comercialización e distribución do libro, tamén cun orzamento de 200.000€.

O obxectivo destas axudas é continuar apoiando que as empresas editoriais galegas conten con vías para proxectar internacionalmente a súa produción, ao tempo que se favorece que se poidan atopar na nosa Comunidade e en lingua galega os textos significativos producidos no exterior. Neste sentido, a través delas pode subvencionarse tanto a tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e de obras publicadas orixinariamente noutros idiomas (como o inglés, o italiano ou alemán) ao galego.

A Xunta mantén unha intensa liña de colaboración co sector do libro. De feito, no período 2012-2021, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade leva destinados case 2M€ en axudas á tradución. Este ano, reforza as súas achegas para a industria editorial con incrementos do 12% en promoción da lectura ou a inclusión de novas partidas para a promoción e comercialización do libro en librerías, entre outras medidas.

O importe das axudas destinarase a sufragar, total ou parcialmente, os custos de tradución da obra literaria, dos que se aboarán un máximo do 90%. Entre os criterios de valoración para a concesión das axudas estiveron o interese cultural da obra e a extensión da tradución e as características da mesma. Así mesmo, deuse prioridade á tradución das obras de poesía.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua