O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo da Xunta impulsa esta fin de semana un encontro de artistas, arquitectos, científicos e escritores en Fisterra

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Cooperativa Performa presentaron hoxe Des-enfocar Fisterra que se celebrará os días 4 e 5 de setembro

Alexandre Nerium, Nacho Munilla, Estevo Creus, Su Garrido Pombo, Christian García Bello, Pepe Formoso e a banda Os amigos dos músicos forman o cartel deste festival cultural que se desenvolverá por distintos espazos do concello

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2021- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou está mañá no Pazo de San Roque Des-enfocar Fisterra, unha iniciativa de Cooperativa Performa impulsada polo Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 en colaboración co Concello de Fisterra. Canda o representante autonómico tamén estiveron presentes os tres membros de Performa: David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki M. Antelo.

Des-enfocar Fisterra é un proxecto que chegará os días 4 e 5 de setembro a este municipio da Costa da Morte, que será escenario dun conxunto de artistas, arquitectos, científicos, escritores e profesionais do mundo gastronómico e patrimonial galego. Todos eles porán en valor a vida cultural ao pobo de Fisterra ao tempo que se constitúen unha defensa e promoción da creación artística galega.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou “a importancia de potenciar o uso e prestixio da lingua en xornadas como esta que, dun xeito multidisciplinar, permiten situar a cultura e o idioma no ámbito da arquitectura, paisaxe, gastronomía, literatura etc., e que poden valer de modelo para outras moitas actividades que con motivo do Xacobeo axuden a dinamizar notablemente o fomento do galego”.

Un programa moi variado

O punto de partida do festival será o sábado no Museo da Pesca de Fisterra, onde o poeta Alexandre Nerium fará unha visita guiada. Xa pola tarde, o biólogo Nacho Munilla dirixirá unha busca e exploración, sonora e visual, das aves que viven na vila a través dun percorrido que parte do Porto de Fisterra. A seguinte cita será con Estevo Creus quen, dende a praia de Langosteira, dará un recital poético. Para pechar ben o sábado, un concerto sen movernos da praia escoitando a Su Garrido Pombo.

O domingo comezará cun paseo pola arquitectura partindo da Igrexa de Fisterra da man do artista Christian García Bello. O percorrido continuará no restaurante O Trebón, onde Pepe Formoso dirixirá unha comida comentada cun menú formado por produtos típicos da zona. Para baixar a comida toca un roteiro mariñeiro guiado de novo por Alexandre Nerium. E xa para rematar a fin de semana en Fisterra, un concerto da banda Os amigos dos músicos na praia da Langosteira.

Os interesados en acudir a calquera das actividades poderán consultar o programa detallado no enderezo desenfocarfisterra.pergorma.gal, onde tamén poderán reservar praza de forma individual para cada unha delas. A reserva é obrigatoria para poder asistir aínda que, no caso de non encher a cabida antes dunha actuación, as prazas libres poderán cubrirse por orde de chegada.

Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22

Este fondo, que na súa segunda edición está a impulsar un milleiro de proxectos, é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, puxo en marcha ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural para ofrecerlle á cidadanía contidos de ocio en lingua galega ao tempo que se apoiaba economicamente ao sector cultural.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Xacobeo, Lingua