Xunta e Editorial Galaxia impulsan unha nova edición de 'Maxina ou a filla espuria', a primeira novela galega moderna

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación desta reedición que ve a luz coincidindo co segundo centenario do nacemento do seu autor, Marcial Valladares Núñez

A Estrada (Pontevedra), 8 de setembro de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da nova edición de Maxina ou a filla espuria, a que está considerada como a primeira novela galega moderna e que se reedita co apoio da Xunta.

Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, trátase da obra coa que o seu autor, Marcial Valladares “retomou o galego como lingua apta para a narrativa despois dun período de sombras para o idioma”. Pertencente ao grupo dos intelectuais do Rexurdimento, o escritor estradense escribiu este conto-noveliña, como el mesmo lle chamaba, en 1870, aínda que non foi ata 10 anos despois cando se publicou por entregas na revista madrileña La Ilustración Gallega y Asturiana, dirixida nesa altura por Manuel Murguía.

Hoxe, cando se cumpre o segundo centenario do nacemento do autor da primeira novela moderna en galego, a Editorial Galaxia e a Xunta de Galicia, editan duplamente esta novela reproducindo o facsímile do manuscrito de 1870 e unha nova edición da obra co texto actualizado.

“O literato e lingüista estradense foi precursor do Rexurdimento e tamén da normalización do galego desde o ámbito da escrita”, lembrou o secretario xeral de Política Lingüística. “Foi unha das figuras imprescindibles na defensa da lingua galega e na universalización do seu coñecemento desde a escola, así como no proceso de estandarización, ao que contribuíu con achegas fundamentais como as do dicionario ou da gramática”, engadiu.

Canda o representante autonómico tamén estiveron presentes no Teatro Principal da Estrada o alcalde da localidade, José López Campos; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia; Xesús Domínguez Dono, editor na novela e Xiana Lastra, Andrea Porto e Marcela Porto, integrantes da da Banda da Loba, que se encargaron de poñerlle música ao encontro.

Autor estradense

Marcial Valladares Núñez (Vilancosta, Berres, A Estrada, 1821-1903) formou parte do grupo intelectual do Rexurdimento. Licenciado en Leis en 1842, ocupou diferentes cargos na capital pontevedresa ata que abandonou a súa carreira como home público para retirarse á casa familiar de Vilancosta, dende onde fixo as súas grandes contribucións ao rexurdir da cultura galega cunha pioneira e variada obra que tocou a poesía, a narrativa, o folclore, a lexicografía, a gramática...

As súas coleccións de cantigas, refráns, adiviñas e contos teñen o mérito de seren das primeiras anotadas en Galicia, e tamén das máis fiables e completas, como o Cantigueiro popular (1867). Como lingüista acadou o máximo respecto entre os seus contemporáneos coa redacción do Diccionario gallego-castellano, publicado en 1884. Pero é como autor literario como conseguiu un posto destacado no Rexurdimento sendo pioneiro no uso do galego como lingua literaria en dous xéneros: primeiro no lírico, con poemas como A un paxariño ou Suidades na década dos 40 e, posteriormente, no xénero narrativo ao ser o autor da primeira novela galega moderna, Maxina ou a filla espuria. Publicada en formato novela de folletín, esta obra conta a historia de Otilia de Sancti-Petri, unha moza da burguesía compostelá que ten unha nena, Maxina, como consecuencia dunha violación.

Xa na última década da súa vida retomou o seu labor lexicográfico para ampliar en dúas ocasións, a última apenas un ano antes do seu falecemento en 1903, o seu aclamado dicionario. Figura fundamental da revitalización da lingua galega, Marcial Valladares foi homenaxeado no 1970 polo Día das Letras Galegas.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua