A Xunta apoia a Fundación Lois Peña Novo e o colectivo galeguizar Galicia na homenaxe a Luís Soto Fernández

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu hoxe aos actos en memoria do mestre e político galeguista, que incluíron a proxección dun documental e a descuberta dun busto

Celanova (Ourense), 18 de setembro de 2021- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu hoxe aos actos en homenaxe ao mestre, escritor e político galeguista Luís Soto que se celebraron a cabalo entre Celanova e Vilanova dos Infantes, lugares especialmente vinculados a Soto pese a ser oriúndo da Bola e vivir a meirande parte da súa vida no exilio.

A homenaxe comezou no Auditorio municipal Ilduara de Celanova coa proxección do documental Luís Soto, discurso para un país, un traballo coordinado por Carme Vaquero que repasa a traxectoria política e persoal desta figura e que achega a documentación recollida no fondo de Soto, depositado no arquivo da Deputación de Ourense, xunto coa opinión de investigadores, amigos e compañeiros de loita deste galeguista incansable.
“A importancia de Luís Soto é a dun galego que nunca renunciou a reivindicar as súas orixes e o seu idioma como elementos identificadores das súas accións nos moi diversos lugares do mundo nos que lle tocou vivir”, destacou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade tras a proxección do filme. “A súa vida e obra son exemplo de galeguidade e amor á terra”, concluíu. A xornada continuou en Vilanova dos Infantes diante da que fora a casa de Luís Soto coa descuberta dun busto, elaborado por José Molares, acompañada da actuación musical da Banda de Vilanova.
Canda o secretario xeral tamén participaron nos actos Antonio Puga, alcalde de Celanova; Vicente González Soto, sobriño de Luís Soto; o escritor X.L. Méndez Ferrín e Carme Vaquero e Xosé González Martínez, secretaria e presidente, respectivamente, da Fundación Lois Peña Novo, a entidade organizadora do evento.

Mestre, político, escritor e loitador

“Mestre comprometido, loitador polas liberdades e político inspirador dun novo discurso para a reconstrución da identidade galega”. Así reza a placa que desde hoxe acompaña o busto de Luís Soto Fernández (A Bola, 1902 – México, 1981) na Praza Maior de Vilanova dos Infantes. Pertencente á xeración intermedia entre o emblemático Grupo Nós e o Grupo da República, foi o máis novo dos seus compañeiros, dos que recibiu unha grande influencia ideolóxica, especialmente de Ramón Suárez Picallo e de Eduardo Blanco Amor, cos que trata en Arxentina cando emigra aínda moi novo.

 

 

Ao longo da súa vida exerceu o labor docente en aldeas e pequenas vilas galegas, foi un prolixo publicista e asumiu a redacción e dirección de varias publicacións, entre outras actividades. Durante o seu exilio desenvolveu unha intensa actividade como político, activista cultural e editor, do que é exemplo a revista Loita ou a creación do Padroado da Cultura Galega, durante décadas a máis importante institución encargada de difundir a cultura galega en México.
 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua