A Xunta colabora na tradución ao inglés dunha antoloxía poética de Luz Pozo Garza

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa na presentación da obra ‘Unha Camelia / One Camellia Blossom’

Recolle seis poemas da poeta ribadense na súa versión galega e inglesa traducidos pola investigadora e tradutora Adina Ioana Vladu

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación da antoloxía poética de Luz Pozo Garza Unha Camelia / One Camellia Blossom, editada por Small Satations Press co apoio da Xunta de Galicia e traducida ao inglés pola políglota filóloga romanesa Adina Ioana Vladu, investigadora do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceulle o seu traballo á tradutora e sinalou “que é sempre unha alegría ver como as nosas obras literarias, escritas en galego, espertan interese máis aló de Galicia e son difundidas polo mundo adiante mediante traducións e edicións bilingües”. “Estou seguro”, engadiu Valentín García, “de que a magnífica poesía de Luz Pozo Garza recollida neste libro espertará o interese dos lectores pola nosa literatura e pola nosa lingua”.
Canda Valentín García tamén interviñeron no acto que acolleu o Pazo de San Roque a tradutora do libro; o fillo da autora, Gonzalo Vázquez Pozo; o poeta e estudoso de Luz Pozo, Claudio Rodríguez Fer; o crítico literario e secretario do Centro Ramón Piñeiro, Armando Requeixo e, telematicamente, o editor Jonathan Dunne, quen tamén participou na tradución do volume.

Oda ao amor e a Galicia en seis poemas

Unha Camelia / One Camellia Blossom, ilustrado pola artista Sara Lamas, inclúe a edición bilingüe de seis poemas de Luz Pozo Garza, unha das máis recoñecidas e místicas voces da poesía galega, traducidos ao inglés por Adina Ioana Vladu, así como o Cuestionario Proust que a dita autora respondeu no 2010, fixando nel os principais trazos e gustos da súa personalidade, traducido por Jonathan Dunne.

Os textos seleccionados conforman un pequeno ciclo dedicado á poeta, narradora e ensaísta feminina galega Carmen Blanco, estudosa e crítica da poesía de Luz Pozo Garza, e ao poeta, ensaísta e narrador Claudio Rodríguez Fer. O conxunto de poemas son en si un canto á sororidade, unha exaltación do amor e unha oda a Galicia e á súa lingua.

Decana da poesía galega

Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922 – A Coruña, 2020) foi unha poeta, ensaísta e catedrática de Literatura de ensinanza media galega. Membro da Real Academia Galega (RAG) desde 1950, comeza a publicar poesía aló polos anos 40 no xornal local de Ribadeo. Ao igual que moitos contemporáneos, Luz é bilingüe nos seus inicios e o seu primeiro poemario publícase en castelán. Porén, será a súa poesía en galego a que acade o seu máximo esplendor a partir da publicación d’ O paxaro na boca (1952).

O poemario bilingüe Últimas palabras / Verbas derradeiras (1956) será o punto de inflexión na vida e obra da poeta, dando comezo a un período de madurez e compromiso coa lingua galega e coa súa tradición literaria que chega ao seu esplendor en Códice Calixtino e Concerto de outono. Centrada fundamentalmente no amor, consecuencia en gran parte da súa unión con Eduardo Moreiras, da que dan fe as obras Prometo a flor de loto, As vodas palatinas ou Deter o día cunha flor, a súa poesía vaise aproximando nos seus últimos anos á traxedia grega con Medea en Corinto, ao mundo celta con As harpas de Iwerddon, á mística de Borges con Rosa tántrica e ás orixes familiares con Pazo de Tor, a derradeira obra que publica cumpridos os 96 anos.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua