O CGAC mostra o potencial do deseño español coa mostra 'Identidade e territorio'

Volver
  • O CGAC mostra o potencial do deseño español coa mostra ‘Identidade e territorio’
  • O CGAC mostra o potencial do deseño español coa mostra ‘Identidade e territorio’
  • O CGAC mostra o potencial do deseño español coa mostra ‘Identidade e territorio’

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a exposición, promovida pola Rede Española de Asociacións de Deseño e a Asociación Galega de Deseño

Con 135 traballos de diferentes profesionais desta disciplina, tanto de Galicia como doutras comunidades, poderá visitarse desde este venres ata o 30 de xaneiro
 

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) abre o venres 15 ao público a nova exposición From Spain With Design (FSWD)/Identidade e territorio, promovida pola Rede Española de Asociacións de Deseño (READ) para amosar a proxección do deseño español a nivel nacional e internacional. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe en rolda de prensa a mostra, enmarcada no 6º Foro de Deseño FEED, organizado para mañá pola Asociación Galega de Deseño, e no 9º Encontro Nacional de Deseño, que se celebra tamén en Santiago esta fin de semana co apoio da Xunta.

Segundo explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Identidade e territorio reúne 135 traballos para darlles visibilidade ás iniciativas desenvolvidas por profesionais do deseño, tanto de Galicia como doutras comunidades, nos últimos anos. O obxectivo é achegarlle o traballo ao público xeral “a prol de prestixiar o papel desta disciplina, na que hai talento, hai creatividade, experimentación e investigación”, engadiu.

Nesta liña, Anxo M. Lorenzo destacou que o deseño expositivo da mostra, que permanecerá no CGAC ata o 30 de xaneiro de 2022, se concibiu para itinerar por diferentes cidades e países. A súa adaptabilidade baséase nas peañas producidas de xeito artesanal en Galicia, e con madeira galega, no obradoiro de carpintaría de Víctor Domínguez Gaviño.

Ámbitos que ofrecen relatos

A exposición estrutúrase en catro ámbitos, Identidade e territorio, Interseccións, Internacionalización, Sustentabilidade e Complicidades. Cada un deles achega de maneira sutil aos relatos que ofrecen os diferentes obxectos e espazos, que naceron para un uso e, ademais de responder unha necesidade, crearon identidade.

Trátase de traballos de deseño industrial, deseño gráfico, interiorismo e deseño de servizo que destacan “pola súa calidade, pola súa proxección do mercado nacional e internacional, por ser un modelo de sinerxía entre profesionais do deseño e empresas, por dar respostas coherentes e construír valor”, apuntou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

No acto de presentación participou tamén a actual presidenta da READ e representante da Asociación Galega de Deseño, Uqui Permuy, quen coordina e comisaría a mostra, xunto a Gloria Escribano, da Asociación de Deseñadores de Madrid; Ángel Martínez, da Asociación de Deseñadores da Comunidade Valenciana, e Juan Lázaro, de Cuenca Deseño. Deste xeito, a iniciativa xorde do traballo colaborativo coas 11 asociacións que compoñen READ e da implicación dos profesionais do deseño e das empresas produtoras participantes.

Tamén interviñeron a presidenta da Asociación Galega de Deseño, Irene García, e o director do CGAC, Santiago Olmo. Distribuída en diferentes salas do Centro Galego de Arte Contemporánea, Identidade e territorio pode visitarse de xeito libre no horario habitual de apertura do museo ou mediante unha visita guiada os domingos ás 12,00 horas.

Eventos marco

Os eventos nos que se enmarca a exposición arrincan mañá no CGAC co 6º Foro de Deseño FEED, que ofrecerá desde as 10,00 ata as 19,45 horas conferencias e obradoiros dirixidos a estudantado, docentes e profesionais interesados na disciplina do deseño. Xa o venres, comezará o 9º Encontro Nacional de Deseño, que conta tamén co CGAC como espazo colaborador, ademais do Museo do Pobo Galego. Prolongarase ata o domingo.

Anxo M. Lorenzo agradeceulles á Rede Española de Asociacións de Deseño e á Asociación Galega de Deseño a elección de Galicia e concretamente do CGAC como sede, tanto da mostra coma dos eventos nos que se enmarca.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua