A Xunta de Galicia celebra o día das escritoras homenaxeando as figuras de Xohana Torres e Anisia Miranda

Volver

A Biblioteca de Galicia acolle un faladoiro entre as investigadoras Montse Pena Presas e Dolores Vilavedra arredor da traxectoria de Xohana Torres

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo salienta a “importancia desta autora referencial, a súa fonda pegada no desenvolvemento da nosa literatura e a repercusión da súa obra na normalización e espallamento da lingua galega”

A Fundación Xosé Neira Vilas dá acubillo a un acto en homenaxe á escritora cubano-galega Anisia Miranda no que participa o secretario xeral de Política Lingüística

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2021.- A Xunta de Galicia súmase hoxe á conmemoración do Día das Escritoras con diversos actos que homenaxean e difunden a figura e a pegada de autoras destacadas das nosas letras.

Baixo o título Non se acouga con tanta multitude: unha aproximación á obra literaria de Xohana Torres, o Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia acolleu unha conversa entre as autoras Montse Pena Presas e Dolores Vilavedra, que revisou desde unha perspectiva poliédrica e divulgativa a traxectoria da poeta, dramaturga, narradora e ensaísta galega. Esta abordaxe comezou pola poesía de Xohana Torres, para seguir coa escrita dramática e a produción narrativa, sen esquecer o seu papel como pioneira da literatura infantil e xuvenil galega.

O encontro, que comezou ás 19,00 horas no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen puxo en valor a traxectoria desta autora galega, Premio da Crítica Española en 1981, e incidiu “na calidade e diversidade da súa obra escrita e do seu significativo papel no desenvolvemento da nosa literatura e na normalización e espallamento da lingua galega”. O evento, retransmitido en liña, está dispoñible na canle de YouTube da Cidade da Cultura.

Á mesma hora, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou nun acto en homenaxe á escritora teatral Anisia Miranda que se celebrou na Fundación Xosé Neira Vilas de Vila de Cruces. A ofrenda floral no cemiterio parroquial de Gres deu paso á lectura pública de fragmentos dunha das obras da autora, Mitos e lendas da vella Grecia, e á revisión da súa traxectoria literaria.

O acto incluíu a presentación do Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia, co que colabora a Consellería de Cultura, Educación e Universidade coa finalidade de estimular a creación teatral e de proporcionarlles a nenas e nenos obras que poidan representar. Poderán participar todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos inéditos escritos en lingua galega. O prazo de admisión de orixinais pecharase o 24 de febreiro de 2022, Día de Rosalía de Castro. O premio está dotado con 1.000 euros e entregarase o 27 de marzo, Día do Teatro.

O Día das Escritoras

A conmemoración do Día das Escritoras arrancou en 2016 por iniciativa da Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. Desde aquela, procura visibilizar o labor das mulleres no ámbito literario. Celébrase cada ano no luns máis próximo á data do 15 de outubro, correspondente á festividade da escritora e relixiosa santa Tareixa de Ávila.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua