O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade dá a benvida aos 628 auxiliares de conversa que este curso se incorporan aos colexios, institutos e escolas oficiais de idiomas

A Xunta ultima o Plan de Linguas co obxectivo de consolidar o modelo plurilingüe de calidade iniciado hai unha década e que beneficia a 100.000 alumnos

Volver

Román Rodríguez salienta que a mellora das competencias lingüísticas dos estudantes é unha acción prioritaria de cara ao seu futuro profesional

A día de hoxe o sistema educativo galego conta cun total de 465 centros educativos plurilingües e máis de 4.600 seccións bilingües, fronte ás 720 seccións e ningún centro plurilingüe que había no ano 2009

O número de auxiliares de conversa multiplicouse por dez na última década

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021.- A Xunta de Galicia está a ultimar a Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingue 2030, na educación en Galicia de cara aos vindeiros anos, que suporá a consolidación e o afianzamento do modelo plurilingüe implantado hai unha década nos centros de ensino e do que hoxe se benefician arredor de 100.000 alumnos.

Así o avanzou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, durante o acto de benvida aos 628 auxiliares de conversa de 22 nacionalidades distintas que este curso se incorporan a 863 colexios, institutos, centros integrados de formación profesional (ben con modelo plurilingües ou ben con seccións bilingües) e escolas oficiais de idiomas.

Román Rodríguez salientou o compromiso do Goberno galego con esta iniciativa que non parou de medrar nos últimos anos e que conta “cun elevadísimo nivel de satisfacción entre o profesorado coordinador do programa”. O número de auxiliares de conversa nos centros educativos de Galicia multiplicouse por dez na última década.

O responsable de Educación destacou, ademais, que o coñecemento de linguas é “un elemento de riqueza e de unión”. De feito, nos últimos datos de PISA o alumnado galego figura á cabeza en cuestións como falar dúas ou máis linguas bastante ben como para conversar con outras persoas (o 96% fronte ao 84% da media de España e o 72% da OCDE) ou no índice de respecto por outras culturas.

Nesta liña, Román Rodríguez salientou que o traballo dos auxiliares de conversa “vai moito máis aló da mera aprendizaxe de idiomas” na medida en que “nos achegades novas realidades culturais e lingüísticas dos vosos países de orixe”, dixo dirixíndose aos lectores de alemán, chinés, francés, inglés e portugués procedentes de países como Alemaña, Australia, Austria, Bélxica, Brasil, Gran Bretaña, Bulgaria, Canadá, China, EEUU, Illas Fiji, Filipinas, Francia, India, Irlanda, Italia, Marrocos, Holanda, Polonia, Portugal, Singapur e Túnez, a quen aproveitou para darlles a benvida.

Crecemento exponencial do modelo

Ao abeiro da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe, no curso 2010-11 o Goberno galego comezou a implantar o actual modelo plurilingüe -que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira- para as etapas de educación obrigatoria, isto é, de Primaria e ESO (o denominado Plurilingüismo clásico). Xa a partir do curso 2017/18, a Consellería de Educación ampliouno ás etapas de Infantil (Plurinfantil), Bacharelato (Pluribach) e Formación Profesional (PluriFP).

A día de hoxe o sistema educativo galego conta cun total de 465 centros educativos plurilingües e máis de 4.800 seccións bilingües (fronte ás unicamente 720 seccións e ningún centro plurilingüe que había no ano 2009). Ademais, un total de 58 ciclos de Formación Profesional do sistema público galego imparten este curso parte do seu currículo nunha lingua estranxeira co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas do alumnado de FP e, deste xeito, mellorar a súa inserción laboral e a competitividade dos sectores produtivos.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Educación, Lingua