Xunta e Igaciencia organizan un webinario sobre intelixencia artificial para inaugurar o mes da ciencia en galego

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na inauguración da videoconferencia ‘Poden pensar as máquinas?’, impartida polo profesor e doutor en Física Senén Barro

O webinario forma parte do conxunto de accións que a Xunta planea para o mes de novembro e que inclúen obradoiros sobre ciencia en case 60 centros educativos
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do webinario sobre intelixencia artificial Poden pensar as máquinas?, impartido polo profesor Senén Barro, doutor en Física, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS). A actividade, organizada pola Xunta e Igaciencia, forma parte das celebracións polo Mes da Ciencia en Galego e do XII Día da Ciencia en Galego, que se conmemoran en novembro

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo resaltar a “importancia destas colaboracións con Igaciencia para lles achegar a ciencia, e moi especialmente a ciencia en galego, aos centros educativos e á súa rapazada, amosándolles que a nosa lingua é máis que apta para este mundo cada vez máis tecnolóxico”.

O secretario xeral de Política Lingüística lembrou tamén que a Xunta de Galicia porá en marcha o Proxecto Nós, unha iniciativa que vai constituír a acción de normalización lingüística no ámbito tecnolóxico máis ambiciosa que se desenvolveu nunca na nosa Comunidade, destinada a garantir o acceso na lingua propia a recursos como os asistentes de voz, os sistemas de recoñecemento de fala ou os tradutores de alta calidade para poder interactuar no mundo dixital en igualdade cos falantes doutros idiomas.

A charla foi seguida en directo de forma virtual por case 2000 alumnos e alumnas e os seus respectivos profesores e profesoras, pertencentes a 36 centros educativos, que puideron formular as súas dúbidas e preguntas a través do chat habilitado na canle de YouTube pola que se emitiu. No acto que acolleu o CiTIUS tamén interviñeron Manuel Díaz Regueiro e Inés Ben, presidente e secretaria de Igaciencia, respectivamente, e o propio Senén Barro.

Ciencia en galego nos centros educativos

Ademais, ao longo deste mes, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade desenvolverá, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21–22, dous obradoiros científicos: O camiño da robótica e Isabel Zendal e Ánxeles Alvariño.

O primeiro deles pasará por 25 centros educativos para centrarse na tecnoloxía como futuro nas zonas menos poboadas do rural. Os nenos e nenas asistentes poderán construír cadanseu robot e verán unha mostra das posibilidades dunha impresora 3D. Doutra banda, a proposta Isabel Zendal e Ánxeles Alvariño visitará 34 colexios e institutos públicos para achegarlle ao alumnado as traxectorias destas dúas figuras científicas femininas. O obradoiro incluirá a realización de catro experimentos cos que se abordarán conceptos de microbioloxía e inmunoloxía desde un enfoque cómico-teatral.

No que resta de outono, os centro educativos e os equipos de dinamización da lingua galega seguirán traballando co seu alumnado en diferentes propostas que se orientan a mostrar o valor da ciencia e da lingua galega para a súa creación e divulgación e as bibliotecas escolares súmanse á celebración co Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas.
Todas as novidades sobres as accións poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.
 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua