O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta participou hoxe na Conferencia da Network to Promote Linguistic diversity en Palma de Mallorca

Valentín García expón ante a Rede Europea de Promoción da Diversidade Lingüística o modelo galego de conxunción de linguas na ensinanza

Volver

Este foro incluído no Comité Executivo da rede Europea, do que a Xunta é membro de pleno dereito, reuniu a diversos representantes europeos que compartiron os modelos de ensino en comunidades con linguas en contacto

Palma de Mallorca, 24 de novembro de 2021 - O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe en Palma de Mallorca no seminario Educación de inmersión: explorando o que funciona en contextos lingüisticamente diversos en Europa, dedicado aos modelos de ensino en comunidades de Europa con linguas en contacto e organizado no marco da terceira edición do NPLD-Coppieters Campus. Este foro pon punto e final aos actos do Comité Executivo da rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística que se celebran estes días no Auditorium ParcBit de Palma de Mallorca e no que a Xunta de Galicia participa en calidade de membro de pleno dereito.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade interveu na sección destinada a coñecer outros modelos de educación lingüística onde destacou que o galego é “un modelo de conxunción de linguas, un modelo bilingüe no que non existe separación do alumnado por razón de idioma e no que tanto o galego como o castelán se distribúen a docencia das materias nun reparto equitativo por porcentaxes que esperta o interese do resto das comunidades españolas”.
Valentín García explicou que, con este modelo, o obxectivo do Goberno autonómico é que “o alumnado teña unha competencia plena e parella nas dúas linguas oficiais, pero tamén incidir de xeito positivo nas actitudes lingüísticas das novas xeracións en relación co galego, pois historicamente foi a lingua que gozou de menos prestixio e valor social”.
No tocante aos resultados da súa aplicación, García foi positivo ao compartir os datos da propia administración educativa e da Enquisa estrutural a fogares (2018) do IGE, “pois certifican que o modelo a seguir está cumprindo con seus obxectivos”. A isto hai que sumarlle tamén o último informe PISA, segundo o cal “Galicia é a comunidade autónoma española na que os estudantes falan dúas linguas con máis facilidade e iso é un éxito que queremos manter e seguir mellorando”, engadiu.
O responsable de Política Lingüística tamén quixo agradecer á esta rede europea “a súa dedicación á promoción, ao ensino e á normalización das máis de 30 linguas rexionais ou minoritarias en Europa e a creación destes foros nos que intercambiar experiencias e promover a enorme diversidade e riqueza lingüística do noso continente”.

Espazo para o intercambio de experiencias e a promoción lingüística

O Comité Executivo da rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística é unha rede paneuropea, fundada en 2008, no que están integradas institucións académicas, organismos de diversa natureza e gobernos rexionais e nacionais de diferentes países europeos destinada a crear un ámbito no que o multilingüismo, a diversidade lingüística e a aprendizaxe das linguas consideradas minoritarias se promovan activamente en todas as franxas de idade da poboación europea. A Xunta de Galicia está integrada neste proxecto desde a súa fundación e forma parte do comité executivo.

Neste marco xurdiu no 2018 o NPLD-Coppieters Campus, en colaboración coa Fundación Coppieters, que celebra este ano a súa terceira edición, tras quedar anulada a do pasado 2020 por motivos sanitarios, como punto de encontro e intercambio de boas prácticas entre os responsables das políticas lingüísticas das comunidades con linguas minoritarias ou rexionais.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua