A serie documental infantil 'Dic, dac, docs' pode verse desde hoxe no Portal da Lingua Galega da Xunta
VolverO secretario xeral de Política Lingüística presenta os cinco capítulos de proposta didáctica para a aprendizaxe que forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo
Santiago de Compostela, 7 de decembro 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, presentou hoxe a serie documental Dic, dac, docs elaborada por Adarme Visual para o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia. Valentín García subliñou a importancia de “produtos tan coidados coma este” dirixidos á transmisión do galego ás novas xeracións “unha tarefa na que desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade queremos apoiar as familias e a escola”. Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron na presentación os directores do proxecto Dic, dac, docs, David Hernández e Álex Penabade.
Dic, dac, docs é unha serie documental producida por Adarme Visual que pode verse desde hoxe no Portal da Lingua Galega e na canle de YouTube da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Conta co guión de María Reimóndez e mais dos directores do proxecto -Álex Penabade e David Hernández-, a voz en off de María Roja e a música de Iván Blanco.
Dirixida a nenos e nenas de 2 a 7 anos, os cinco breves capítulos que compoñen esta serie teñen a finalidade de facilitarlle á cativada a adquisición de vocabulario en galego. Cada capítulo está dedicado a un tema (a cidade, a horta, a casa, a granxa e os medios de transporte), que será o eixo a través do cal os pequenos descubrirán os elementos e as palabras en galego relacionadas con ese campo. Todos os capítulos están encadrados no ámbito galego e cunha referencia clara á xeografía e á cultura de Galicia.
Dic, dac, docs forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022. Este fondo, que impulsou un milleiro de iniciativas durante a pandemia, é un repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que a Xunta puxo en marcha ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural para ofrecerlle á cidadanía contidos de ocio en lingua galega ao tempo que se apoiaba economicamente ao sector cultural.