A Cidade da Cultura pecha 2021 cun máximo histórico con 230.000 participantes en actividades culturais

Volver

O balance mellora o de 2019, último ano anterior á pandemia, a pesar das restricións sanitarias que obrigaron a reducir a capacidade máxima de público

Este récord explícase en boa medida pola itinerancia de exposicións, o incremento da programación online e o éxito de mostras como ‘Faraón. Rei de Exipto’

O Gaiás despide o ano cun total de 1.183.263 visitas, sen que se contabilicen neste número as máis de 600.000 derivadas da localización do centro de vacinación

A Cidade da Cultura recupera a súa capacidade de organizar eventos institucionais, empresariais ou sociais e chega aos 380, 100 máis que o ano pasado

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021.- A Cidade a Cultura de Galicia pecha 2021 acadando un máximo histórico no número de participantes nas actividades do seu programa cultural, cun total de 229.462, o que representa un incremento dun 20% respecto ao 2019, último ano antes de pandemia.

A cifra inclúe todas as persoas que asistiron a actividades organizadas polo Gaiás, aínda que se desenvolveran en centros ou espazos diferentes aos da Cidade da Cultura. Precisamente, unha das razóns que explica este incremento é o programa de itinerancias –con 26.664 participantes-, que permitiu exhibir mostras en Ourense, Pontevedra, Vigo e Coruña, ampliando o radio de actuación da Cidade da Cultura. Exposicións como Galicia. De Nós a nós ou As miradas de Isaac circularon por diferentes centros da Comunidade.

A segunda razón foi o incremento das actividades online –con 15.460 participantes-, que recibiu un impulso co obxectivo de que as medidas que limitaban a asistencia presencial non supuxeran unha barreira para achegar contidos ao público. Por último, o terceiro motivo atópase no éxito de afluencia dalgunha das propostas de 2021, como Faraón. Rei de Exipto. A exposición, organizada en colaboración coa Fundación ”la Caixa” e con fondos do British Museum, rematou coa cifra máis elevada de visitantes da primeira década de vida da Cidade da Cultura: 77.000 persoas, o que supón unha media diaria de 621 visitantes durante os case catro meses aberta ao público.

No balance de 2021, cómpre destacar o labor do Servizo Didáctico, que achegou a preto de 13.000 estudantes de diferentes niveis os contidos das mostras exhibidas no Museo Centro Gaiás. Neste senso, subliñar a importancia do programa de conexións do equipo de guías coas aulas a través de videoconferencias, o que permitiu manter este servizo en marcha mesmo cando os grupos escolares non se podían desprazar.

Ano con máis visitas

En canto ao número total de visitas rexistradas pola Cidade da Cultura en 2021, a cantidade estímase en 1.183.263. Neste cálculo intégranse non só os participantes en actividades culturais, senón tamén as persoas que acoden a eventos, os usuarios de Biblioteca e do resto de servizos públicos localizados no Gaiás, os que se trasladan por motivos profesionais ou para gozar dos espazos verdes. A cifra exclúe as máis de 600.000 visitas correspondentes a persoas que acudiron ao centro de vacinación situado polo Sergas no Gaiás.

Mesmo sen computar as visitas derivadas da vacina, a expansión da actividade da Cidade da Cultura marca un novo pico desde a súa apertura ao público, convertendo 2021 no ano no que este equipamento recibiu un maior número de visitas (1.183.263). Este resultado tradúcese en 30.000 máis respecto ao 2019, e duplica as contabilizadas no 2020. Consolídase, polo tanto, a tendencia á alza que mantén a Cidade da Cultura desde a súa inauguración no 2011, só interrompida durante o ano do confinamento.

Recuperación de eventos

A recuperación da actividade deixouse notar no progresivo incremento do número de eventos organizados por empresas, organizacións sociais ou institucións nos espazos da Cidade da Cultura, incremento especialmente intenso a partir do mes de setembro. O 2021 pecharase cun total de 380, o que supón case un centenar máis que no 2020, unha cifra moi positiva, especialmente se se ten en conta que, ao longo de boa parte deste ano, aínda estiveron vixentes medidas sanitarias que limitaban o número de asistentes a este tipo de actos.

Máis alá do balance cuantitativo, o 2021 –no que se conmemoraron os dez primeiros anos de vida da Cidade da Cultura- péchase con fitos importantes, como a inauguración do Fontán e a aprobación do Plan Estratéxico 2021-2027, a folla de ruta que marcará a dirección a seguir polo Gaiás na nova fase que comeza caracterizada polo fin dos grandes proxectos construtivos e marcada pola expansión da súa actividade.

Tamén o 2021 foi a primeira vez que a Cidade da Cultura, en colaboración con expertos da Universidade de Deusto, presentou os resultados do seu primeiro estudo de contabilidade social para estimar o beneficio que xera á sociedade. O resultado foi que, por cada euro de investimento público, retorna 1,85.

O Gaiás despide un exercicio no que, despois de dez anos de traballo, recolleu o recoñecemento do Observatorio da Cultura da prestixiosa Fundación Contemporánea, que elixiu a Cidade da Cultura como mellor proposta cultural de Galicia en 2020.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua