Arranca a rodaxe da serie galego-portuguesa ‘Motel Valkirias’, cofinanciada pola Xunta

Volver

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu á primeira xornada de traballo no set instalado no Hotel Congreso de Teo, transformado para esta ‘dramedia’ nun pintoresco motel de estrada situado na fronteira

A empresa compostelá CTV foi adxudicataria dunha subvención de máis de 250.000 euros por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a coprodución deste proxecto xunto á lusa SPi

A este apoio súmanse as novas iniciativas en marcha do Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta, que busca acelerar a recuperación e estabilidade do sector

Teo (A Coruña), 17 de xaneiro de 2022.- A serie galego-portuguesa Motel Valkirias iniciou hoxe a súa rodaxe cunha primeira xornada de filmación no set instalado no Hotel Congreso de Teo, onde o equipo recibiu a visita do director a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. A Xunta de Galicia cofinancia o proxecto cunha achega de máis de 250.000 euros á compañía compostelá CTV, que coproduce esta ‘dramedia’ transfronteiriza xunto á lusa SPi.

Esta subvención encádrase na liña para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca a través do seu departamento de Industrias Culturais como parte do programa anual de axudas ao sector. Nel inclúense, así mesmo, as dirixidas ao desenvolvemento de proxectos, o impulso ao talento, a comercialización e difusión de obras audiovisuais, a organización de festivais e o funcionamento das salas de cinema.
A esta planificación súmanse as novas iniciativas do Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta, un programa de apoio sen precedentes que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do audiovisual e do resto das industrias culturais galegas. Esta iniciativa suporá un investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Implicación das televisións públicas

Na súa visita ao set, Sutil estivo acompañado polo showrunner da serie e de CTV, Ghaleb Jaber Martínez, o director de CTV, Xosé Arias, e o managing director de SPi, Jose Amaral, así como polos representantes da Televisión de Galicia e da RTP portuguesa, implicadas tamén na realización desta serie de oito episodios.

A actriz galega María Mera e as portuguesas Marina Mota e María João Bastos conforman o trío protagonista desta dramedia, que mestura drama, suspense, emoción e humor para narrar unha historia de empoderamento feminino e superación personal. Álex Sampayo e Jorge Queiroga son os seus directores, á cabeza dun amplo equipo técnico e interpretativo no que figuran outros coñecidos nomes do audiovisual de ambas as beiras do Miño.

Esta conexión galego-portuguesa materialízase tamén no espazo transfronteirizo como escenario da acción, dando conta ademais da fluidez das relacións entre estas dúas industrias audiovisuais, que nos últimos anos está a reflectirse en importantes coproducións. Ademais, Motel Valkirias exemplifica a aposta de CTV pola distribución internacional, que tanto éxito lle reportou con O sabor das margaridas a través da plataforma Netflix.

Motel Valkirias, que será distribuída por Onza Distribution, terá tamén localizacións noutros espazos das provincias da Coruña e Ourense, ademais de no norte de Portugal.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua, Audiovisual