A asociación cultural Ponte...nas ondas! Presenta o proxecto dixital ‘Memoria e patrimonio’ co apoio da Xunta

Volver

A iniciativa foi realizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022

O proxecto pon en valor o traballo co patrimonio inmaterial galego-portugués de escolas galegas e portuguesas a partir de álbums fotográficos familiares
 

Muros (A Coruña), 11 de maio de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do proxecto dixital Memoria e Patrimonio, realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que Memoria e Patrimonio trátase dun “proxecto interesante por moitos motivos como a participación da mocidade na preservación do patrimonio, a colaboración interxeracional e a transmisión da lingua galega, xa que todo o que está implicado en Ponte...nas ondas! pon á vista os vencellos lingüísticos e culturais entre a Galicia alén do Miño”.

 

No acto, que tivo lugar no instituto IES Plurilingüe Fontexería de Muros, tamén participou o alumnado, ademais da coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, Chus Abraldes; a directora do centro, María José Lago, e o presidente de Ponte...nas Ondas!, Santiago Veloso.

 

A iniciativa, que xorde a partir do certame As imaxes do patrimonio impulsado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas Ondas!, busca poñer en valor o traballo co patrimonio inmaterial galego-portugués de escolas galegas e portuguesas a partir de álbums fotográficos familiares.

 

Proxecto multimedia

Memoria e Patrimonio conta con 25 fotografías seleccionadas entre as recollidas nas primeiras edicións do certame As imaxes do patrimonio de Ponte...nas Ondas!. As imaxes son exemplo de como a mocidade de centros educativos de Galicia e de Portugal toman contacto coas xeracións anteriores e recolle as memorias asociadas ao patrimonio inmaterial.

 

Cada unha das fotografías vai acompañada dun texto explicativo redactado polo alumnado, ademais de ser interpretada graficamente a través dunha banda deseñada elaborada polo ilustrador Andrés Meixide.

 

Alén do libro en formato descargable, os materiais contan cunha versión multimedia enriquecida con diversos contidos. Por unha banda, pode consultarse en formato de audiolibro e escoitar os podcasts que acompañan cada unha das imaxes e, por outra parte, proporciónanse unha serie de actividades interactivas pensadas para o aproveitamento didáctico a partir das temáticas relacionadas coas diferentes fotografías.

 

O libro estará dispoñible no Portal da Lingua da Secretaría Xeral de Política Lingüística e na web de Ponte...nas Ondas!.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua