O espectáculo musical de Roi Casal ‘Son galego, son cubano’ en homenaxe a Xosé Neira Vilas chega o venres a Rodeiro co apoio da Xunta

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa na presentación do concerto, que pon de manifesto a histórica relación entre Galicia e Cuba con letras do escritor de Vila de Cruces

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe en Rodeiro á presentación do espectáculo musical Son galego, Son cubano, do cantante Roi Casal, promovido pola Xunta de Galicia a través da Rede de Dinamización Lingüística que busca homenaxear aos emigrantes galegos que, desde Cuba, axudaron a conformar a identidade galega dándolle protagonismo aos textos do escritor cruceño Xosé Neira Vilas.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou que se trata “dun traballo moderno e actual que conecta as dúas beiras do Atlántico e a propia comarca do Deza, e faino a través da literatura en lingua galega, dos poemas dun autor clásico que non deixou de ser galego cando estivo en Cuba e que sempre se esforzou por manter viva e activa a presenza da nosa comunidade na illa caribeña”. Tamén asistiron á presentación o alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, e o propio cantautor Roi Casal.

A través da música, Casal recorda a importante presenza de galegos en Cuba, en cuxa capital naceron varios dos símbolos da identidade galega como o himno, a bandeira e a Real Academia Galega. O espectáculoterá lugar este venres día 13 na avenida Aviador Gumersindo Areán de Rodeiro a partir das 23,00h. con entrada libre.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua