A Xunta participa na XVIII edición dos premios literarios Frei Martín Sarmiento e os audiovisuais REC.curta

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, intervén na entrega destes galardóns que promoven a lectura en lingua galega e o seu uso no ámbito audiovisual entre os escolares

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) á entrega dos premios literarios Frei Martín Sarmiento, organizados pola Federación de Relixiosos do Ensino, FEREGA-CECA, máis coñecida pola marca Escolas Católicas.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade indicou que tanto os Premios Literarios Frei Martín Sarmiento como REC.curta “estimulan a creatividade en lingua galega en diversas xeracións e a través de diversos medios, como mostra da versatilidade e das posibilidades que lles ofrece aos máis novos a lingua propia de Galicia”.

Neste encontro tamén interviñeron a secretaria autonómica de Escolas Católicas, Juana Otero, e a presentadora da TVG Lucía Veiga, quen guiou o evento. Do mesmo xeito, estiveron presentes os estudantes, os escritores, ilustradores, tradutores e representantes das editoriais galardoados en ambos os premios.

Os Premios Literarios Frei Martín Sarmiento, que buscan promover a lectura en lingua galega entre os escolares, escóllense mediante a votación de 2.000 lectores e lectoras dos centros de Escolas Católicas. No que respecta aos premios REC.curta, foron 11 as curtametraxes candidatas este curso. Os galardóns buscan promover o uso do galego no ámbito audiovisual entre o estudantado.

O alumnado galardoado

Nos Premios Literarios Frei Martín Sarmiento, os libros e autores galardoados foron os seguintes: na categoría infantil, Lawrence Shimel e Thiago Lopes con Como se di, publicado por Alvarellos Editora; na 1ª categoría (1º e 2º de Primaria), Bárbara Cantini con Mortiña. O amigo pantasma, de Hércules Edicións; na categoría de libros para alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria, Érica Esmorís con Patio de Luces, publicado en Xerais; na 3ª categoría (5º e 6º de EP), Antía Yáñez, con Plan de Rescate, de Xerais, mentres que na 4ª categoría (1º e 2º de ESO) foi elixido David Wallians coa obra O Couso, de Sushi Books; na 5º (3º e 4º de ESO) Jordi Sierra i Fabra, con Como lágrimas na chuvia, traducido por Xesús Domínguez Dono, e na 6ª categoría (Bacharelato e adultos), Roberto A. Rodrigues con Luces sobre a ría de Urco Editora.

Nos REC.curta a curtametraxe que obtivo o recoñecemento como Mellor Curta da primeira categoría, dirixida aos cursos de 1º, 2º e 3º de ESO, foi Máscaras, elaborada polo alumnado do Colexio Franciscanos de Lugo. Nela trátase o tema dos danos colaterais do uso das máscaras durante a pandemia.

Na segunda categoría, A luz escura fíxose co recoñecemento á mellor curta. Trátase dun proxecto elaborado polo alumnado do colexio Esclavas da Coruña onde se relata como un grupo de amigos vende a súa alma para conseguir o que quere. Ademais, cómpre destacar tamén o premio á Mellor curta de animación, que recaeu en É cousa de todos, do colexio de San Xosé de Ourense.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua