Valentín García salienta o talento creativo en galego das novas xeracións na XIX edición do Festival de Cans

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística asiste á proxección das curtas gañadoras dos premios audiovisuais ‘REC.curta 2022’, apoiados pola Xunta

O Porriño (Pontevedra), 20 de maio de 2022.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu ao XIX Festival de Cine de Cans, no Porriño, que acolleu hoxe o encontro Cans do futuro, onde se proxectaron as curtas gañadoras nos premios audiovisuais REC.curta 2022, un certame que convoca Escolas Católicas co apoio da Xunta.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quixo recoñecer “o talento creativo das novas xeracións, que se expresa en galego por canles moi diversas, entre as que ten un papel destacado o audiovisual”. Xunto a el, estiveron presentes Charo Baleirón, a coordinadora do departamento de Innovación Pedagóxica de Escolas Católicas, e Keka Losada, presidenta da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do festival.

 

Tamén participou unha representación do alumnado do colexio Esclavas da Coruña, do CPR La Inmaculada – Maristas e do colexio Franciscanos, ambos de Lugo, a quen o secretario xeral de Política Lingüística animou a seguir creando e expresándose en galego.

 

No local de Cans coñecido como Baixo de Bugarín, proxectáronse as curtas gañadoras do festival escolar REC.Curta 2022: Máscaras, a curta gañadora na categoría 1º, 2º e 3º de ESO elaborada polo alumnado do colexio Franciscanos de Lugo; A luz escura, gañadora na segunda categoría, para os alumnos de 4º da ESO e Bacharelato, e É cousa de todos, curta gañadora do premio á mellor curta de animación, onde o alumnado do colexio San Xosé de Ourense destaca o tratamento dos valores cando dúas vilas se ven obrigadas a enfrontarse para combater un virus que acaba de saír ao mundo.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua