A editorial Mundiediciones presenta a edición en galego de ‘Crónica dun peregrino singular’ co apoio da Xunta

Volver

A obra foi editada no marco do Xacobeo 21-22 e coa colaboración da Academia Xacobea

Trátase dun libro coral coa autoría de 13 académicos coa que contribuír a difundir o Camiño de Santiago e os seus valores
 

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación do libro en galego Crónica dun peregrino singular da editorial Mundiediciones, editado no marco do Xacobeo 21-22 en colaboración coa Academia Xacobea e apoiado pola Xunta de Galicia.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades saudou a publicación “dun libro multidisciplinar que amosa a idoneidade do galego para o ensaio arredor de temas e disciplinas moi diferentes, aínda que todas orientadas neste caso a explicar un fenómeno fundamental na identidade galega como é o culto xacobeo”.

 

Neste acto, que tivo lugar no Pazo de San Roque, estiveron presentes José Luis Gómez, xornalista e editor da obra; Xesús Palmou, presidente da Academia Xacobea e coordinador do libro, e Marcelino Agís e Ulises Bértolo, tamén coordinadores da obra.

 

Trátase dun libro coral, unha obra colectiva da autoría de 13 académicos coa que a Academia contribúe a difundir o Camiño de Santiago e os seus valores. Conta con 13 capítulos conformados polas achegas que realizan os académicos e académicas segundo a súa propia especialidade: estudos clásicos, dereito, filosofía, psicoloxía, historia da arte, eséxese bíblica, literatura e pensamento oriental, sen renunciar a unha visión rigorosa e actual do Xacobeo e do Camiño.

 

A obra, pensada para o gran público e na que prima o carácter divulgativo, mestura o ensaio con ficción en cada capítulo, o que a fai máis amena. Pon de manifesto que o Camiño de Santiago, xunto coa cultura greco-romana, o dereito romano e o cristianismo, constitúen o crisol da cultura que hoxe en día impulsa a consolidación política, económica e social da Unión Europea.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Xacobeo, Cultura, Lingua