Valentín García participa na xornada ‘Transición dixital multilingüe na economía da lingua’ sobre o uso das linguas nos eidos dixitais que se celebra en Donosti

O secretario xeral de Política Lingüística comparte con outras comunidades o 'Proxecto Nós de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega'

Volver

É a iniciativa estratéxica na que a Xunta e as tres universidades galegas están a traballar para conseguir a presenza do galego nas contornas dixitais

Os asistentes debateron sobre o desenvolvemento dixital das linguas e a rendibilidade socioeconómica do multilingüísmo desde a innovación

O secretario xeral de Política Lingüística expuxo os obxectivos do Proxecto Nós, co que se busca situar o galego na vangarda das tecnoloxías lingüísticas

Donosti, 22 de maio de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, compartiu hoxe con outras comunidades o Proxecto Nós de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, a iniciativa na que a Xunta e as universidades galegas traballan para conseguir a presenza do galego nas contornas dixitais. Fíxoo durante a xornada Transición Dixital Multilingüe na Nova economía da Lingua organizada pola Sociedade Española de Procesamento da Linguaxe Natural (SEPLN) co apoio do Departamento de Cultura e Política Lingüística do Goberno Vasco e do HiTZ, Centro Vasco de Tecnoloxía da Lingua.

 

O representante da Xunta de Galicia participou na sección Presentación das iniciativas públicas onde sinalou que os obxectivos clave deste proxecto, que acaba de entrar na súa segunda fase de desenvolvemento cunha inxección de máis de 600.000 euros, consisten en “situar o galego na vangarda das tecnoloxías lingüísticas”. Para iso desenvólvense os recursos e as ferramentas para o procesamento automático do galego e elabóranse demostradores que permitan “visibilizar as posibilidades dos recursos, facilitando a elaboración de aplicacións e creando un ecosistema galego innovador”, explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

 

A maior promoción do galego

O Proxecto Nós é unha iniciativa estratéxica impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela que chegará ás tres universidades galegas enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e ao que se pretende dedicar un total de 15,5M€, o maior investimento directo na promoción do galego en toda a historia.

 

Previsto para levarse a cabo en catro anos, este mes entrou na súa segunda fase de execución, na que se sacarán adiante seis dos oito subproxectos nos que se divide, centrados na síntese de voz, no recoñecemento da fala, na xeración automática de textos, nos sistemas de diálogo, na tradución automática e na corrección e avaliación lingüística

 

O obxectivo final polo que traballan os diferentes expertos do ámbito da lingua e da tecnoloxía é permitirlle á cidadanía galega interactuar con asistentes de voz, contar coa subtitulación automática de contidos audiovisuais, cun apoio ao diagnóstico médico, con servizos de teleasistencia avanzada e coa tramitación administrativa a través de asistentes virtuais, entre outras accións, na nosa lingua.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua