A Xunta celebra o Día da Galeguidade Empresarial que promove o Foro Enrique Peinador

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa neste encontro que busca recoñecer o compromiso das empresas coa lingua galega

Nesta ocasión presentouse a empresa Seguridade A1, que amosa un modelo de galeguidade que serve de exemplo de prestixio á lingua galega nos usos mercantís
 

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu esta mañá ao acto do Día da Galeguidade Empresarial que promove o Foro Enrique Peinador e que este ano se levou a cabo nas instalacións da empresa Seguridade A1 de Santiago de Compostela.

Valentín García resaltou “a importancia de promover a lingua galega no tecido empresarial e socioeconómico en xeral” e explicou que “a normalización do noso idioma pasa por facelo habitual na actividade económica do país, do que son un exemplo Seguridade A1 e todas as empresas reunidas neste encontro”.

Xunto ao representante da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades estiveron presentes Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; Xoán Antón Allegue López, presidente da Cooperativa vinícola Martín Códax; Benigno Pereira Ramos, director xeral da Queixería Bama; Xerardo García Alvela, director xeral de Itelsis; Carme Pampín, presidente de Bioga e Manuel Rial, director xeral de Seguridade A1.

Esta convocatoria faise para dar a coñecer unha das empresas, nesta ocasión Seguridade A1, que vén utilizando a lingua galega en distintas facetas da súa actividade á vez que se mantén como unha das compañías de referencia no seu sector. É por iso que o modelo de galeguidade que amosa a día de hoxe serve de exemplo de prestixio á lingua galega nos usos mercantís. Para rematar o encontro, tivo lugar a actuación musical de María do Ceo.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua