A Xunta presenta a serie audiovisual en galego ‘De aquí para alá’ con motivo do próximo Día Europeo das Linguas

Volver

Este proxecto, dirixido a un público infantil, as súas familias e á comunidade educa-tiva, está pensado para o achegamento a outras culturas e linguas desde o galego

A través dos 14 episodios que a conforman e un repertorio musical de 21 cancións, a súa creadora Lydia Botana conta dun xeito educativo a historia dunha bolboreta que percorre o mundo
 

Santiago de Compostela, 14 de setembro 2022 O secretario xeral de política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación do proxecto didáctico musical De aquí para alá, creado pola pedagoga da Linguaxe e a Educación Musical Lydia Botana.

 

Con motivo do Día Europeo das Linguas 2022, que terá lugar o vindeiro 26 de setembro, a Xunta pon a disposición das familias e da comunidade educativa este proxecto para un público infantil pensado para o achegamento a outras culturas e linguas desde o idioma galego. Os 14 episodios que o conforman contan a historia dunha bolboreta que vai polo mundo na procura de algo que faga feliz ó seu novo amigo Gali, un neno que vive en África e está moi triste.

 

O proxecto conta con 21 cancións acompañadas de animacións e coreografías para bailaren os nenos, uns temas que nos levan nunha viaxe musical polo mundo para coñecermos os seus instrumentos e as súas melodías (jazz, rap, samba, reggae, ska, clásica, tradicional balcánico e galego, pop, etc.).

 

As cancións están gravadas por Lydia Botana, que canta e toca máis de 30 instrumentos musicais diferentes, e conta cunhas colaboracións estrelas nalgunhas pezas coma seu pai Vitín na guitarra eléctrica, Xabier Díaz nas percusións, Javier Cedrón ao violín, Guilhem Lacadée na trompeta e Pedro Lamas ao saxofón soprano. Todos os capítulos, dispoñibles ao público, iranse subindo cada mércores pola mañá ata completar os 14 totais no Portal da Lingua Galega.

 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura