Publicado en edición facsimilar o Plan pedagóxico de Vicente Risco co gallo do seu centenario

Volver

Confeccionado polo intelectual ourensán, este plan buscaba reformar de forma profunda o modelo escolar galego de principios do século XX
 

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación do exemplar conmemorativo elaborado pola Fundación Vicente Risco

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira, presentaron esta mañá a edición facsimilar conmemorativa do centenario do Plan pedagóxico para a galeguización das escolas, elaborado por Vicente Risco co obxectivo de crear unha guía docente que permitise galeguizar e modernizar o modelo escolar de principios do século XX.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou que este plan “redactado por Risco, pero que foi un plan de todo o galeguismo, tocaba diferentes aspectos pedagóxicos e do funcionamento escolar”. Así mesmo, destacou o capítulo referido á introdución do galego no ensino “como obxecto de aprendizaxe e como lingua vehicular que diminuíse o fracaso escolar do alumnado rural”.

 

No acto de presentación, que tivo lugar precisamente no Museo Pedagóxico de Galicia, tamén estivo presente Xosé Fernández Fernández, autor da introdución incluída na versión facsimilar.

 
A edición conmemorativa inclúe os textos publicados en 1921 nos números 6 e 7 da revista Nós, fundada entre outros por Vicente Risco apenas un ano antes, e a versión posterior do plan pedagóxico publicada en 1934 polo ourensán no ideario A Nosa Terra, así como a súa transcrición ao galego actual, realizada pola profesora da Universidade de Vigo Isabel Mociño. A publicación complétase cun breve estudo introdutorio a cargo de Xosé Fernández que axuda a contextualizar os textos para o público.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua, Cultura