Chega a Pontevedra a mostra ‘Compromiso na distancia’ coa que a Xunta homenaxea a Florencio Delgado Gurriarán

Volver

A exposición sobre o autor ao que se lle dedican este ano as Letras Galegas pode visitarse ata o 2 de decembro na Biblioteca Pública Antonio Odriozola

A iniciativa rematará a súa itinerancia o vindeiro mes en Celanova tras pasar por Vilamartín de Valdeorras, Santiago de Compostela, A Coruña, Foz, Chantada, Vigo, Ourense, O Barco de Valdeorras e Lugo

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe en Pontevedra a mostra itinerante Compromiso na distancia, unha das iniciativas incluídas na programación impulsada pola Xunta de Galicia con motivo da celebración das Letras Galegas 2022, dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán.

 

Durante a inauguración, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou as múltiples oportunidades que houbo este ano en Galicia para “achegarse, descubrir e coñecer ao gran protagonista destas Letras” con iniciativas como a que hoxe se pon en marcha en Pontevedra. “Esta mostra que se pode visitar ata o 2 de decembro busca difundir a obra máis destacada do escritor e dar a coñecer os lugares máis significativos da súa vida como as terras valdeorresas ou as mexicanas, que o acolleron e influíron na súa poética”, sinalou Anxo M. Lorenzo.

 

A mostra, que iniciou a súa andadura en Vilamartín de Valdeorras, concello natal do homenaxeado, chegará a súa última parada, en Celanova, o vindeiro mes decembro tras pasar por Santiago de Compostela, A Coruña, Foz, Chantada, Vigo, Ourense, O Barco de Valdeorras e Lugo.

 

Da infancia á madurez

Compromiso na distancia consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións.

 

O texto central e a documentación corre a cargo de Héctor Cajaraville con pezas baseadas no libro publicado por Xerais, Florencio Delgado Gurriarán. Polos Vieiros da saudade. As fotografías pertencen ao arquivo familiar do autor e inclúe imaxes orixinais en branco e negro que foron modificadas con técnicas de coloración dixital.

 

A exposición está enmarcada entre as máis de 150 actividades que a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, en colaboración con múltiples empresas, entidades e concellos, realiza ao longo de todo o ano para homenaxear e dar a coñecer a figura e obra de Florencio Delgado Gurriarán.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua, Audiovisual