O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades asiste en Marrocos ao 17 Comité Intergubernamental para a Salvargada do Patrimonio Cultural Inmaterial
Román Rodríguez amósase en Rabat “orgulloso e confiado” porque un programa cultural nacido nas aulas galegas poida ser considerado pola Unesco “un exemplo para o mundo”
VolverO representante da Xunta participa neste foro co colectivo Ponte… nas Ondas!, cuxa candidatura para entrar no Rexistro de Boas Prácticas será avaliada mañá, algo ao que só optan catro propostas a nivel internacional e co que Galicia se estrearía nesta categoría de recoñecementos
Destaca “o empeño dos profesores que desde hai máis de 25 anos sensibilizan aos máis novos sobre a preservación do patrimonio cultural na fronteira de Galicia e Portugal”
Sinala que o uso das radios escolares, a lusofonía, o rico legado da nosa tradicional cultural e o éxito entre a rapazada impulsan este programa educativo sobre divulgación do patrimonio
Confía en que sirva de inspiración para o entendemento en zonas transfronteirizas en países en desenvolvemento, tal e como resalta Unesco no seu eloxioso informe previo de avaliación
Rabat (Marrocos), 30 de novembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, xa está en Rabat para apoiar o proxecto Ponte… nas Ondas!, a candidatura que mañá optará a ser recoñecida pola Unesco como “un modelo para o mundo”. O representante da Xunta forma parte da delegación española que participa no 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial.
Na véspera do día en que Unesco votará a inscrición da proposta conxunta de Galicia e Portugal no Rexistro de Boas Prácticas, o conselleiro mantivo un encontro en Marrocos cos representantes de Ponte… nas Ondas!, aos que trasladou o total apoio da Xunta, que vén colaborando na tramitación da candidatura nos últimos anos. Román Rodríguez amosouse “confiado e orgulloso” porque un programa cultural nacido nas aulas galegas poida ser considerado pola Unesco “un exemplo para o mundo”.
O conselleiro, que asiste a este foro cultural internacional acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, subliñou o feito de que só catro candidaturas a nivel internacional vaian ser abordadas por Unesco nesta reunión e que unha delas sexa galega. Por iso, a poucas horas da decisión, felicitou aos representantes de Ponte… nas Ondas! e destacou “o empeño dos profesores que desde hai máis de 25 anos sensibilizan aos máis novos sobre a preservación do patrimonio cultural na fronteira de Galicia e Portugal”.
“Grazas a iniciativas como esta as novas xeracións aprenden desde a infancia por que as tradicións dun pobo son importantes e o valor que ten para nós conservar ese legado cultural e etnográfico que herdamos das xeracións anteriores”, salientou. A este respecto, sinalou que Galicia se presenta ante o mundo “cunha cultura propia integradora e que exemplifica os valores de diálogo e entendemento que promove Unesco”.
Sur de Pontevedra e Alto Minho
Ponte... nas Ondas! naceu hai máis de 25 anos nas escolas de do sur de Pontevedra e do Alto Minho e desde entón non deixou de medrar. Co impulso da Asociación Cultural e Pedagóxica do mesmo nome, o seu obxectivo é salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas.
Tal e como explicou Santiago Veloso, profesor e coordinador da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, a inclusión nesta lista da Unesco “supón un recoñecemento a unha traxectoria de 27 anos e a un modelo propio creado na fronteira de Galicia e Portugal, onde integramos o patrimonio e a radio escolar nunha fórmula única”.
Agora, ante esta oportunidade histórica, o conselleiro confía en que Ponte… nas Ondas! sirva de inspiración para o entendemento en zonas transfronteirizas en conflito tal e como resalta Unesco no seu eloxioso informe previo de avaliación. Así mesmo, avanza a determinación da Xunta para consolidar e ampliar o alcance deste programa dentro das súas actuación de sensibilización sobre o patrimonio e preservación da memoria.
Un modelo de ensinanza referente
O modelo de ensinanza de Ponte… nas Ondas! bota man das radios escolares como ferramenta fundamental para o seu desenvolvemento. Precisamente, en opinión dos examinadores da Unesco, “a combinación de radio, educación e patrimonio cultural é unha fórmula eficaz de salvagarda” nas escolas a ambos lados da fronteira galego-portuguesa.
Isto, afirman no último informe previo emitido hai poucas semanas, “permitiu que os mozos se impliquen nas súas propias tradicións” e “crea conciencia sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial”. Para logralo ao longo deste tempo concorreron factores como a formación do profesorado, a presenza de especialistas nos centros, o uso das tecnoloxías da información e os recursos radiofónicos.
“A integración da cultura intanxible no sistema educativo é outro resultado efectivo e factible do proxecto”, conclúe o documento, no que se subliñan os esforzos por un “desenvolvemento social inclusivo, o diálogo intercultural e a igualdade de xénero”.
Así mesmo, consideran que Ponte... nas Ondas! “fomentaría a paz e a cooperación entre sociedades de diferentes países”, especialmente en comunidades transfronteirizas en países en desenvolvemento. Por iso, os examinadores da Unesco opinan que o modelo é exportable a nivel internacional.
Sesión en streaming este xoves
O conselleiro de Cultura e Educación encabeza a representación de Galicia neste encontro mundial, onde acude en coordinación co Ministerio de Cultura e Deporte e a Embaixada de España ante a Unesco. Por parte de Ponte… nas Ondas! participan Chus Álvarez, profesora; Dolores Gómez, portadora; Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo; Esmeralda Carvalho, profesora; Xerardo Feijoo, profesor; João Manuel Gonçalves, portador; Álvaro Campelo, profesor e antropólogo, e Santiago Veloso, profesor e coordinador da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!.
A orde do día establecida para este comité intergubernamental prevé que a decisión sobre a candidatura galego-portuguesa se adopte durante a mañá do xoves, cando a mesma será debatida polos países participantes. A sesión poderá seguirse en streaming a través da canle de YouTube da Unesco.
Galicia na Unesco
Galicia conta cun variado legado patrimonial espallado por todo o territorio e constituído por bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, deben ser estudados e considerados para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo.
No marco deste rico patrimonio destacan os elementos galegos que xa acadaron o máximo recoñecemento da Unesco como son o casco histórico e a Catedral de Santiago de Compostela, o Camiño Francés, a Muralla de Lugo, que hoxe celebra o seu 22 aniversario como Patrimonio Mundial, a Torre de Hércules da Coruña e os Camiños do Norte. Ademais, a finais de novembro de 2018, o organismo recoñeceu como Patrimonio Cultural Inmaterial a pedra en seco, unha técnica de construción tradicional na nosa terra que se convirte así no primeiro elemento inmaterial en recibir esta distinción en Galicia.