A Xunta reforza o portugués en Galicia coa posta en marcha do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística comparece a petición propia no Parlamento para dar conta do seguimento da Lei para o aproveitamento dos vínculos coa lusofonía

Este órgano colexiado, que ten como finalidade asesorar ao Goberno galego, servirá como un foro de diálogo permanente entre as distintas administracións públicas e outras organizacións representativas no eido lusófono

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2023 O Goberno galego segue traballando no cumprimento da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida comunmente como Lei Paz Andrade. Deste xeito, e desde a entrada de España como Observadora Asociada na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) en xullo de 2021, a Xunta está a traballar para desenvolver todo o potencial desta asociación mediante a elaboración dun memorando de entendemento de áreas comúns para as dúas partes, o que require un coñecemento exhaustivo e permanentemente actualizado da realidade lusófona en e desde Galicia.

É neste contexto no que nace o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, “un órgano colexiado creado co fin de servir como instrumento de consenso para adoptar medidas relacionadas coa lusofonía en Galicia”, indica o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen compareceu esta mañá a petición propia ante a Comisión 4ª do Parlamento de Galicia para dar conta do informe anual de seguimento da Lei 1/2014.

Tendo como alicerces a Lei Paz Andrade, da que toma o nome, así como a Estratexia Galega de Acción Exterior e a Lei reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, este observatorio, “terá como finalidade asesorar ao Goberno, formular plans de acción e programar actividades de coñecemento, intercambio e programación ao tempo que funcionará como un foro permanente de diálogo entre as distintas administracións públicas e outras organizacións representativas con interese neste ámbito”, engadiu Valentín García.

Estudo da lingua portuguesa en Galicia

No tocante ao estudo do idioma, “o portugués xa está consolidado como unha das segundas linguas estranxeiras máis estudadas polos galegos e galegas, tanto nos institutos como nas escolas oficiais de idiomas e na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), sumando máis de 5000 estudantes contabilizados de forma oficial”, indicou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

 

Segundo os datos reportados, 3888 alumnos de ESO e Bacharelato estudan portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira neste curso 2022-23, o triple que cando entrou en vigor a lei a prol dos vínculos coa lusofonía. Un dato ao que hai que sumarlle os 1065 estudantes das nove escolas oficiais de idiomas repartidas por Galicia e os 445 empregados públicos que optaron por formarse en distintos niveis desta lingua na EGAP que, ademais, acadou a taxa de solicitudes máis elevada rexistrada desde que oferta a lingua portuguesa. “É por isto que desde a Xunta imos dar resposta a esta crecente demanda mediante a convocatoria de novas prazas para este 2023, incluíndo como novidade a formación no nivel avanzado 1 de lingua portuguesa, que será tamén en liña como o resto dos niveis para favorecer a conciliación por parte dos empregados públicos”, expuxo Valentín García.

 

Ademais, a Consellería continúa ao longo deste curso 22-23 coa pilotaxe do programa Camões Júnior, implantado nalgúns centros de secundaria o pasado 2021 e grazas ao cal 83 estudantes obtiveron o seu certificado de lingua portuguesa en distintos niveis entre o A1 e o B1 ao superar as probas en liña.

 

Colaboración coas industrias creativas e a CRTVG

Outro dos puntos clave a desenvolver dentro da Lei Paz Andrade é a coprodución de contidos audiovisuais entre Galicia e Portugal. Así, a CRTVG mantivo durante este 2022 unha colaboración xa asentada e crecente coa lusofonía materializada en proxectos como o exitoso #ApuntamentoLusófono, dentro do espazo dirixido por Esther Estévez, ou a sección do portal de noticias G24.gal dedicado a Portugal.

 

Ademais, a entidade anunciou en setembro o seu apoio a dúas coproducións con Portugal, a longametraxe Ariel e o documental A procura da Estrela; así como a participación en 27 proxectos de contidos dixitais como Agora cantamos nós, da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! cuxo programa de radio interescolar, que desde fai 27 anos da voz a 200 centros educativos das dúas beiras do Miño, xa está considerado un modelo para o mundo ao ser incluído pola UNESCO no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda.

 
Ademais, a Consellería de Cultura colaborou ao longo desde 2022 en accións como o concurso a[R]itmar Galiza e Portugal que, coincidindo coa súa sétima edición, incluíu a creación da aplicación web play.artirmar.gal, o programa Nortear e todas as actuacións que leva anexas desde fai oito anos ou varias coproducións teatrais do Centro Dramático Galego, exposicións da Fundación Cidade da Cultura e actuacións musicais e festivais realizados en colaboración con Portugal ou vinculadas á lusofonía, entre outras moitas accións. Neste sentido, a Xunta ten previsto impulsar unha Axenda Cultural Común entre España e Portugal ao longo deste 2023.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua