Máis de 4.500 persoas participaron na quinta edición do programa de dinamización lingüística ‘21 días co galego e +’

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Centros e Recursos Humanos asisten á clausura da iniciativa no IES Aquis Celenis, en Caldas de Reis

O 28 de febreiro a Cidade da Cutura acollerá o I Encontro 21 días co galego e +, unha xornada de confraternización onde os centros amosan o traballo realizado ata agora
 

Caldas de Reis (Pontevedra), 13 de febreiro de 2023 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, participaron esta mañá no IES Aquis Celenis (Caldas de Reis) na clausura do programa de dinamización lingüística 21 días co galego e +, iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que nesta quinta edición implicou 12 centros educativos, case 400 docentes, 88 membros do persoal de administración e servizos e 4.078 estudantes de 10 a 18 anos xunto coas súas respectivas familias.

O representante de Política Lingüística destacou que esta quinta edición “foi a máis numerosa das realizadas ata o de agora, pois alcanzou un 20% máis de participación ca a anterior, o cal revela nun aumento do interese por parte dos centros e do seu profesorado nesta iniciativa que promove o uso da lingua galega entre as xeracións máis novas, levando o galego a fogares onde non adoitaba usarse e apoiando o alumnado que xa era galegofalante”. Neste contexto, Valentín García quixo “agradecerlle a todo o profesorado, aos equipos de dinamización da lingua galega e ao estudantado implicado todo o agarimo posto no traballo realizado”.

No acto tamén participaron Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas de Reis; Fernando Pérez, deputado autonómico por Caldas de Reis; Pilar Ponte, coordinadora xeral do programa, e Juan Manuel Campos e mais Manuel Rosales, directores do CPI Plurilingüe Alfonso VII e do IES Aquis Celenis, respectivamente. Ademais, o acto estivo amenizado por unha pequena intervención do alumnado destes centros de Caldas, participantes ambos os dous nesta quinta edición do programa.

Coa clausura desta fase, o programa entra na súa terceira etapa, que incluirá por primeira vez o I Encontro 21 días co galego e +, unha xornada de confraternización que xuntará a todos os centros participantes na Cidade da Cultura a tarde do 28 de febreiro para intercambiar experiencias e amosar a súa creatividade.

Impacto nas redes sociais

Baixo o lema Falando para un mundo mellor, que motiva a rapazada a medrar no uso do galego, o alumnado do último ciclo de Primaria, ESO, Bacharelato e FP comprometeuse a falar en galego as 24 horas do día entre o 24 de xaneiro e o 13 de febreiro, tanto dentro como fóra do centro.

 

Disto quedou constancia no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se compartiron as creacións dos centros participantes, así como tamén nas contas de Facebook, TikTok, Instagram e Twitter, que un ano máis gozaron de grande alcance tendo en conta que se trata dunha actividade educativa restrinxida a un número limitado de centros e que só dura 21 días, 105 en total ao acumular as cinco edicións.

Así, a canle de Youtube, que suma xa máis de 400 vídeos publicados ao longo destes anos, acumula máis de 95.000 reproducións cun total de máis de 3.400 horas de visualización e 209 contas subscritoras. Ademais, cómpre ter en conta que todo o alumnado participante se conecta colectivamente na súa aula a través dunha única conexión, de maneira que o número de visualizacións non reflicte o número de persoas que ve cada día o vídeo, que é moito maior.

Programa en continua expansión

Esta iniciativa de dinamización lingüística naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que inicialmente o desenvolveu en catro centros educativos, un por cada unha das provincias galegas.

 
Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua