Bota a andar a duodécima edición de ‘Lingua de namorar’, o certame da Xunta que promove as declaracións de amor en galego

Volver

O concurso está destinado a mozos e mozas de entre 14 e 35 anos e ten tres categorías, unha delas exclusiva para Instagram


O prazo límite para enviar as mensaxes é o 17 de marzo e a listaxe coas persoas gañadoras e finalistas publicarase o 21 de abril

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2023 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentaron esta mañá no Pazo de San Roque a duodécima edición do certame Lingua de namorar, o concurso de declaracións de amor en galego impulsado polas consellerías de Cultura e Política Social para dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou que “como cada ano, e xa van 12, con este certame a Xunta quere incrementar a percepción do galego como unha lingua que é útil para os momentos de lecer, a diversión e as relacións persoais, así como tamén para as mensaxes de amor, inclusive cando estas se comparten en redes sociais”.

 

Pola súa parte, Cristina Pichel subliñou que este certame, xa consolidado, é unha das iniciativas que ten a Xunta de Galicia en marcha para promover e impulsar o talento e a creatividade que atesoura a mocidade galega, neste caso, no eido das letras. Ademais, puxo en valor o éxito da pasada edición con máis de 2.500 persoas implicadas entre participantes e votantes.

 

Persoas destinatarias e categorías

O concurso está dividido en tres categorías: dúas delas para a web (A e B) e unha exclusiva para Instagram (C). As mensaxes presentadas en todas as modalidades poderán enviarse ata o 17 de marzo e deberán estar escritas en lingua galega, ben en prosa ou ben en verso.

 

Nas categorías A e B particípase a través da páxina do concurso mediante un formulario de inscrición. A primeira delas é para a rapazada de 14 a 19 anos, mentres que a segunda abrangue o tramo de idade dos 20 aos 35. As mensaxes que participen nestas dúas categorías non deberán superar os 350 caracteres e serán publicadas na páxina do concurso, identificadas polo título e o número que se lles asigne. As declaracións de amor gañadoras serán as únicas que, posteriormente, se identifiquen co nome e apelidos dos autores. Do 20 ao 26 de marzo todas as persoas que o desexen poderán votar polas súas mensaxes favoritas, para o cal deberán rexistrarse previamente na páxina do concurso. O xurado elixirá as propostas gañadoras entre as 50 máis votadas de cada categoría.

 

Pola súa parte, a categoría C, exclusiva para Instagram, está aberta a toda a mocidade dos 14 aos 35 anos, que poderá participar directamente na imaxe habilitada para o concurso no perfil @xuventudedegalicia. Neste texto indicarase, en primeiro lugar, un cancelo que recolla o título e, a seguir, a mensaxe de amor. Ao final da dita publicación engadirase tamén o cancelo #LinguaDeNamorar. Ademais diso, as persoas participantes deberán etiquetar dúas amizades de Instagram e seguir as contas @linguagalega e @xuventudedegalicia. Nesta modalidade as mensaxes non poderán exceder os 200 caracteres. O xurado do concurso fará unha preselección das declaracións finalistas e o público poderá votar polas súas favoritas entre o 11 e o 16 de abril.

 
Resolución coas persoas gañadoras e premios

A listaxe cos nomes das persoas gañadoras e finalistas nas tres categorías publicarase o 21 de abril na páxina web de Xuventude e no Portal da Lingua Galega, así como nas respectivas contas de Instagram. No caso da categoría C, a persoa autora da mensaxe gañadora deberá poñerse en contacto coa organización antes do 26 de abril para reclamar o premio e facilitar os datos de contacto.

 

No tocante aos premios, establécense tres para a categoría A e outros tres para a B. Os primeiros recibirán unha tableta Samsung, os segundos un libro electrónico e os terceiros uns cascos sen fíos. Pola súa parte, a categoría C terá un único gañador, que recibirá unha tableta Samsung. A data de entrega dos ditos premios publicarase no espazo web específico do concurso nos próximos meses.

 

As bases completas poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na páxina de xuventude

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua