O secretario xeral de Política Lingüística e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela participan na entrega de galardóns aos gañadores do curso 2021-2022

Os XVIII Premios á Calidade Lingüística recoñecen os mellores traballos universitarios en galego

Volver

En total recibíronse preto de 200 traballos entre as tres categorías: académicos, de fin de grao (TFG) e de fin de mestrado (TFM)

O certame, impulsado pola USC co apoio da Xunta de Galicia, promove o uso e a visibilización do galego nos traballos desenvolvidos polo estudantado

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2023 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, participaron este mediodía no acto de entrega dos XVIII Premios á Calidade Lingüística, uns galardóns promovidos pola USC co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades co fin de impulsar o uso da lingua galega ligado á calidade formal na elaboración e na defensa oral dos traballos desenvolvidos polo alumnado da universidade compostelá.

O representante da Xunta deulles os parabéns aos premiados que, traballando en cadansúa área de coñecemento, “mostran o valor da lingua galega no ámbito científico e fan real a aspiración de facer investigación no idioma propio de Galicia”.

No acto, que acolleu o Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, tamén participaron Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, e Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da mesma universidade, así como os premiados. Durante a entrega, que estivo amenizada polo Grupo Universitario de Cámara da USC, o alumnado galardoado recolleu cadanseu diploma acreditativo así como o seu correspondente premio, establecido nas bases: 150 euros para cada gañador da categoría de traballos académicos, 300 para os gañadores da modalidade de traballos de fin de grao e 500 para os premiados na categoría de traballos de fin de mestrado.

Traballos académicos e traballos de fin de grao

Na modalidade de traballos académicos, á que concorreron 17, resultaron galardoados Brais Costas Fragueiro, polo traballo Análise lingüística de narracións orais da lenda da Virxe da Cela (área de Arte e Humanidades); Pedro Rey de la Vega, por Figuras femininas na literatura alemá da época medieval (área de Arte e Humanidades); Diego Martínez García, Yago Méndez Domínguez, Francisco Morales Vidal, Ángel Mourelle Abelenda, Lois Omil Pazos e Javier Polo Noche, por Campañas electorais. Modelo de fluxo de votantes nun sistema de catro partidos (área de Ciencias); Ainara Seoane Ares, Andrés Vázquez García e Manuel Vázquez Rodríguez, por Entre a reinserción do delincuente e a reparación das vítimas. Os fins do proceso penal á luz da doutrina Parot e da prisión permanente revisable (área de Ciencias Sociais e Xurídicas), e Xurxo Varela Otero, polo traballo Memoria do Prácticum II (área de Ciencias Sociais e Xurídicas).

Pola súa parte, na modalidade de traballos de fin de grao (TFG), na que se recibiron 116 proxectos, levaron os premios Aloia Insua González, por We shall overcome. O movemento da acción civil a través da teoría da acción colectiva (1954-1968) (área de Arte e Humandidades); Carlos Ben Arribí, por O concepto de infinitesimal, un percorrido histórico (área de Ciencias); Alba Mato Búa, por Optimización da expresión de proteínas en Pichia Pastoris (Komagataella Phaffi) (área de Ciencias), e Lucía Méndez Gómez, por Hidroxeles peptídicos sensíbeis ao pH (área de Ciencias da Saúde).

Tamén Cecilia Doforno Nóvoa, polo traballo Pano na cabeza e paraugas na man: un estudo da representación mediática do suxeito labrego en catro loitas sociombientais galegas do tardofranquismo e a Transición (área de Ciencias Sociais e Xurídicas); Nicolás Luna Puente, por A poesía como recurso didáctico interdisciplinario entre Lingua galega e literatura, Educación física e Libre configuración (área de Ciencias Sociais e Xurídicas), e Nuria González Fernández, por Análise de técnica de aprendizaxe automática con secuencias xenéticas do microbioma humano para diagnóstico clínico (Enxeñaría e Arquitectura).

Traballos de fin de mestrado

Xa por último, na categoría de traballos de fin de mestrado (TFM), na que se recibiron 50 propostas, resultaron gañadores Alejandro Varela Rubín, por Mobilización e cambio político na comarca de Chantada (1973-1983) (área de Arte e Humanidades); Iria López López, por Fiestras abertas na escola. Un achegamento ao papel do patrimonio en experiencias pedagóxicas galegas renovadoras (Arte e Humanidades), e Mario Picáns Rey, por Xestión de camas no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) (área de Ciencias).

Tamén Lucía González Bouzas, por Da Covid-19 á condición post-Covid-19: disfunción cognitiva e impacto emocional tras hospitalización (Ciencias da Saúde); Manuel Arca Castro, por Aproximación á presenza da tradución literaria nos libros de texto da materia de Lingua Galega e Literatura (Ciencias Sociais e Xurídicas); Andrea Santiso Arias, por A potencialidade da toponimia na aula: unha proposta de intervención educativa (Ciencias Sociais e Xurídicas), e Ricardo Pazos do Muíño, polo traballo Recuperación de ácidos graxos de pasta de refino de aceite de xirasol mediante desdobramento (Enxeñaría e Arquitectura).

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Educación, Lingua