Unha antoloxía poética recompila preto de 70 composicións de Antón Tovar co apoio da Xunta

Volver

O volume recolle pezas dos sete poemarios escritos en lingua galega polo autor da Pereira ao longo de 40 anos

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación da publicación, coa que culminan as celebracións polo centenario do nacemento do poeta
 

Vilar de Santos (Ourense), 10 de marzo de 2023 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde na presentación da antoloxía poética de Antón Tovar, impulsada polo Padroado do Museo da Limia, comarca natal do poeta, e editada por Xerais coa colaboración da Xunta. O volume, que pon punto e final ás celebracións polo centenario do nacemento do poeta en 2021, recolle 67 composicións dos sete poemarios escritos en galego por Tovar ao longo de case 40 anos.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mostrouse satisfeito “de facer accesible con esta publicación o fundamental da obra dun dos poetas en lingua galega máis importantes da posguerra e que, con todo, non é debidamente coñecido e lido polo gran público, algo que coido que está antoloxía contribuirá a corrixir”.

Canda Valentín García tamén interviñeron no acto de presentación, que acolleu o Museo da Limia, Sara Vil, responsable de comunicación de Edicións Xerais; Delfín Caseiro, coordinador da antoloxía; Xosé Lois Carreira, autor das ilustracións; Xesús Alonso Montero, autor do limiar, e Antón Jardón, coordinador do museo. Ademais, no acto tamén se inaugurou a exposición coas láminas das ilustracións que acompañan a antoloxía e que poderán visitarse no propio Museo da Limia, cuxo padroado lles entregou un carné de amigos/as do Museo aos participantes.

40 anos de creación poética

A obra, que pasa a engrosar a sección clásicos de Xerais, recompila os case 40 anos de creación poética dunha das voces líricas máis importantes da segunda metade do século XX, abarcando desde Arredores (1962) ata Cadáver adiado (2001).

Introducido por un limiar de Alonso Montero, impulsor da antoloxía, e ilustrado con seis imaxes do artista da Limia Xosé Lois Carreira, o volume presenta os textos ordenados de maneira temática e cronolóxica en 12 seccións: A procura da identidade, Saudade das paraxes de outrora, O paraíso da infancia, A defensa dos desherdados, O panteísmo animista, O nihilismo, O pensamento: a vida, o medo, Deus, a morte, O amor o erotismo, a Tucha, Contra a inxustiza e a opresión, A reivindicación da lingua, A palabra creativa e Varia.

A produción do poeta da Pereira, así como boa parte da creación literaria de máis de 50 autores, pode consultarse na Biblioteca da Limia, onde permanece desde 2018.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua