A Xunta destina 350.000 euros á promoción da lingua galega nas entidades locais

Volver

A convocatoria de axudas está dirixida a apoiar a creación, o reforzamento e o mantemento dos servizos lingüísticos, así como as programacións municipais


As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica da Xunta ata o 17 de abril
 

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2023 A Xunta destina este ano 350.000 euros ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega. O Diario Oficial de Galicia (DOG) convocou estas subvencións, dirixidas aos concellos galegos e agrupacións dos mesmos que superen os 3.000 habitantes.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 17 de abril e as axudas irán destinadas a fomentar a prestación dun servizo lingüístico e a promover a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega nas entidades locais. As solicitudes cursaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Con este apoio, as entidades beneficiarias prestaranlle á poboación servizos lingüísticos baixo algunha das tres modalidades obxecto de subvención: a creación dunha unidade técnica de traballo, o mantemento das xa existentes ou a implantación de programas de dinamización lingüística.

Os concellos ou agrupacións destes que resulten beneficiarios terán a posibilidade de imputar os gastos derivados das accións normalizadoras que se realicen no período que vai desde o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 2023.

Ademais, como en edicións anteriores e de acordo cos criterios establecidos polo Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013 no tocante á repartición de subvencións aos concellos, a convocatoria outórgalle un incremento do 30 % na puntuación final ás solicitudes presentadas conxuntamente por varias entidades locais.

A convocatoria enmárcase nas accións de promoción do galego desde o ámbito local que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, entre as que destacan a Rede de Dinamización Lingüística, que integra máis de 200 entidades, e os programas e as iniciativas asociadas a ela.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua