O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa nos actos arredor de Otero Pedrayo este mércores na provincia de Ourense

A Xunta e a Fundación Otero Pedrayo entregan os galardóns da II edición do seu certame para estudantes de ESO e Bacharelato

Volver

Na categoría individual foron para os institutos IES As Barxas de Moaña e o IES Castelao de Vigo polos traballos de Patricia Fernández e Alexandre Faria
 

O premio colectivo ao mellor traballo en grupo recaeu no instituto IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo

Tamén se presenta o volume ‘Cunqueiro e Otero Pedrayo’, de Patricia Arias Chachero, a sétima entrega da Colección Selva de Esmelle da Casa Museo Álvaro Cunqueiro

Amoeiro (Ourense), 29 de marzo de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na entrega dos galardóns do II Premio Otero Pedrayo para Estudantes de ESO e Bacharelato, organizados co fin de fomentar entre a mocidade o coñecemento e recoñecemento desta figura singular.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades mostrouse satisfeito co nivel dos traballos distinguidos, dos que destacou “o labor de investigación e de documentación que teñen detrás, así como a creatividade en lingua galega que lles permite a estes estudantes presentar de maneiras diferentes e en soportes distintos a figura senlleira de Ramón Otero Pedrayo”. Canda Valentín García tamén participou neste acto, organizado na Casa Museo Otero Pedrayo, o presidente da dita fundación, Eduardo López Pereira; entre outros representantes e  o alumnado premiado acompañado dos seus profesores e profesoras, ademais dos membros do xurado.

 

Alumnado premiado

Na segunda edición do certame resultaron gañadores, no apartado de premio individual na categoría de ESO, Patricia Fernanda García Pereira, estudante do instituto IES As Barxas de Moaña, pola curtametraxe en animación baseada no relato O vello e mailo río, de Otero Pedrayo, presentado baixo o mesmo nome e, na categoría de Bacharelato, Alexandre Faria Lézico, estudante do instituto IES Castelao de Vigo, polo traballo de creación literaria titulado O conto número 21.

 

O premio colectivo ao mellor traballo en grupo recaeu no instituto IES Dionisio Gamallo Fierros, de Ribadeo, por Otero Pedrayo e Ribadeo, sobre o autor de Trasalba e Dionisio Gamallo Fierros. Trátase dun vídeo documental no que o equipo composto por Ángela Fernández González, Nora Maseda Freije, Lucía Miranda Santamarina, Antón Suárez García, Estela Veiga García e Claudia Vizoso González, achegan e comentan material bibliográfico moi pouco coñecido ata o de agora.

 

Vínculo entre Cunqueiro e Otero Pedrayo

O secretario xeral de Política Lingüística tamén participa na presentación do volume Cunqueiro e Otero Pedrayo, de Patricia Arias Chachero, que constitúe a sétima entrega da Colección Selva de Esmelle da Casa Museo Álvaro Cunqueiro.

 

No acto, celebrado no Liceo de Ourense, tamén participa a autora do libro; o comentarista literario e director da colección, Armando Requeixo; o catedrático e membro do Padroado da Fundación Otero Pedrayo, Xesús Alonso Montero, e o presidente desta mesma fundación, Eduardo López Pereira.

 

O volume analiza o vínculo entre os dous escritores galegos, facendo fincapé nos seus múltiples contactos dende que se coñeceron na preguerra ata que o polígrafo ourensán desapareceu en 1976. Detállanse os proxectos nos que colaboraron, os escritos que cada un lle dedicou ao outro e, sobre todo, exhúmase o epistolario cruzado que mantiveron, que é reproducido fotomecanicamente e logo transcrito.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Educación, Cultura, Lingua