A Xunta e Gadis asinan un convenio para promover a lingua galega entre a mocidade a través das plataformas dixitais

Volver

O titular de Cultura do Goberno galego, Román Rodríguez, e a directora de Marketing de GADISA, Melisa Pagliaro, selaron hoxe este acordo que se desenvolverá a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística

A colaboración inclúe o lanzamento dun concurso de vídeos en TikTok no que se premiarán os contidos máis orixinais en galego en catro disciplinas diferentes: arte, música, audiovisual e poesía

Enmárcase na programación institucional que tanto a Xunta como Gadis impulsan co gallo do Día das Letras Galegas 2023
 

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023 A Xunta de Galicia e Supermercados Gadis veñen de ratificar un acordo de colaboración para promover o uso da lingua galega entre a mocidade nas plataformas dixitais. O convenio, que se desenvolverá a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foi asinado esta mañá polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a directora de Marketing e Responsabilidade Social Corporativa de GADISA Retail, Melisa Pagliaro.

 

O obxectivo deste convenio é potenciar e recoñecer o talento dos mozos e mozas que utilizan a lingua galega para crear contidos innovadores nas redes sociais, así como amosar o valor da colaboración público-privada no eido cultural e creativo. Para iso, ambas institucións lanzarán un concurso de vídeos de TikTok que se desenvolverá este verán, entre os meses de xuño e setembro, e no que se premiarán as mellores pezas compartidas en diferentes disciplinas: arte, música, audiovisual e poesía.

 

Esta colaboración enmárcase na programación de máis dun centenar de accións que o Goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, en colaboración con numerosas empresas, como Gadis, entidades, administracións locais e editoriais, impulsan para celebrar o 60 aniversario das Letras Galegas e homenaxear a Francisco Fernández del Riego.

 
Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua, Cultura