O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación desta iniciativa enmarcada na programación para homenaxear a Francisco Fernández del Riego

A Xunta de Galicia e Feiraco lanzan a nova edición do certame de relatos breves para celebrar o día das letras galegas entre a rapazada

Volver

Establécense dúas categorías de participación: nivel 1 para 5º e 6º de Primaria e nivel 2 para 1º e 2º de Secundaria

Os centros educativos teñen ata o 9 de xuño para remitir a través da web falarei.gal os relatos gañadores, un por nivel, que pasarán directamente á final

As persoas gañadoras recibirán como premio unha excursión a unha das granxas de Feiraco para toda a súa clase, así como unha mochila da compañía
 

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e a empresa galega láctea Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, botan a andar o XI Certame de relatos breves para celebrar o Día das Letras Galegas entre a rapazada incentivando o pensamento creativo e a escrita en lingua galega.

 

No acto de presentación, que tivo lugar esta mañá no IES Rosalía de Castro, participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen animou os mozos e mozas “a expresarse en lingua galega e a participar neste certame coas súas creacións, a imaxinar nos seus relatos unha Galicia do futuro que será unha Galicia que falará o galego e se sentirá cada vez máis orgullosa da súa lingua e das persoas que, como Francisco Fernández del Riego, a quen homenaxeamos este 17 de maio, viviron para defendela”.

 

Canda o representante da Consellería de Cultura tamén participaron o director xeral de CLUN, Juan Gallástegui; a directora do departamento de Marketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey; o director do IES Rosalía de Castro, Xabier Mouriño, e a comunicadora Esther Estévez, encargada de conducir o acto.

 

O certame está aberto á imaxinación do alumnado coa única condición de que a historia, escrita en lingua galega, aconteza na Galicia do futuro e non supere unha cara dun folio tamaño DIN A4.

 

Establece dúas categorías de participación en función da idade dos participantes: nivel 1 para 5º e 6º de Primaria e nivel 2 para 1º e 2º de Secundaria. Entre todos os microrrelatos que reciba do seu alumnado, cada centro educativo seleccionará dous, un por nivel, e remitiraos antes do 9 de xuño á web falarei.gal, de xeito que estes pasarán directamente á fase final do certame. Por último, un xurado elixirá entre todas as propostas o relato gañador de cada nivel, valorando a orixinalidade e a creatividade da historia, o coidado da redacción e o uso correcto da lingua galega.

 

As bases completas para participar poden consultarse no Portal da Lingua Galega.

 

Os premios

As persoas gañadoras do certame, unha por nivel, recibirán como premio unha excursión a unha das granxas de Feiraco para toda a súa clase, onde terán a oportunidade de vivir a experiencia de seren gandeiros e gandeiras por un día. Ademais, o autor da historia premiada recibirá unha mochila da cooperativa.

 

Así mesmo, os 1.000 primeiros estudantes que escriban un microrrelato, con independencia de que estes fosen escollidos ou non polo seu centro como finalistas, recibirán un estoxo e todas as persoas finalistas de cada centro serán gratificadas cun caderno de Feiraco.

 

Ampla programación polas Letras Galegas

Este certame forma parte do movemento Falarei!, a iniciativa coa que Feiraco, en colaboración coa Xunta de Galicia, celebra o Día das Letras Galegas. Faino no marco da programación de máis dun centenar de accións que o Goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, en colaboración con numerosas empresas, entidades, administracións locais e editoriais, impulsan para celebrar o 60 aniversario das Letras Galegas e homenaxear a Francisco Fernández del Riego.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua