A Xunta promove proxectos para fomentar o uso do galego en 858 centros cunha achega de 350.000 €

Volver

Tal e como se recolle na resolución do Diario Oficial de Galicia, 336 centros son na provincia da Coruña, 114 en Lugo, 80 en Ourense e 328 en Pontevedra

Os adxudicatarios teñen ata o 30 de xuño para presentar a xustificación dos gastos correspondentes aos seus respectivos proxectos

O obxecto desta iniciativa é financiar as actividades que desenvolven os Equipos de Dinamización da Lingua Galega neste curso

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2023 A Xunta de Galicia promove proxectos para fomentar o uso do galego durante este curso en 858 colexios e institutos sostidos con fondos públicos cunha achega de 350.000 €. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia, que publica hoxe a resolución dos centros adxudicatarios, coa indicación da puntuación concedida e do financiamento definitivo asignado a cada proxecto, así como a relación dos centros excluídos, coas correspondentes causas de exclusión.

Do total de centros adxudicatarios, 336 pertencen á provincia da Coruña, entre os que se repartirán 134.623 €; 114 á de Lugo, con 45.231€; 80 á de Ourense, cunha dotación a repartir de 30.557 €, e 328 á provincia de Pontevedra, con 139.466 €.

As cantidades asignadas a cada centro mediante esta convocatoria transferiránselles aos centros nun único pagamento no período correspondente ao exercicio económico de 2023. Ademais, estes terán ata o 30 de xuño deste ano para presentar ante os gabinetes provinciais a xustificación dos gastos correspondentes aos seus respectivos proxectos, xa que non facelo poderá ser causa de revogación das cantidades asignadas.

Fomento do uso do galego entre a rapazada

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades convoca cada ano esta liña de axudas para todas as etapas educativas non universitarias co fin de contribuír a financiar as actividades que realizan os Equipos de Dinamización da Lingua Galega e o profesorado dos centros públicos de Galicia. Con estas accións, o Goberno galego busca reforzar a dimensión comunicativa do galego en contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz.

 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Educación, Lingua