A Xunta conmemora o 90 aniversario da radio en Galicia coa convocatoria dos premios de podcast Xosé Mosquera ‘O vello dos contos’
VolverO secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación da sexta edición deste certame destinado a promover as linguas galega e portuguesa entre a mocidade
As solicitudes de participación deberán formalizarse antes do 21 de decembro e os traballos, orixinais e inéditos, poderán enviarse ata o 1 de maio de 2024
A celebración complétase cunha exposición itinerante sobre a figura de Xosé Mosquera e a impartición de obradoiros de podcast nos centros de ensino
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023
A Xunta conmemora o 90 aniversario da radio en Galicia colaborando un ano máis cos Premios de podcast en galego e portugués Xosé Mosquera Pérez, O Vello dos Contos, convocados en colaboración co Instituto Rosalía de Castro e Arraianos Producións. O obxectivo deste certame, que chega á súa sexta edición, é fomentar entre a mocidade as linguas galega e portuguesa a través das novas tecnoloxías, así como promover a historia da radio en Galicia reivindicando a figura da súa primeira estrela mediática, Xosé Mosquera.
Así o anunciou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante a presentación da nova edición destes premios no Instituto Rosalía de Castro, onde tamén participaron o director do dito centro, Xabier Mouriño; Aser Álvarez, de Arraianos Producións, e Loliña Mosquera, filla de Xosé Mosquera.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades indicou que iniciativas coma esta, que xira arredor da radio, medio de comunicación oral por excelencia, “son importantes para animar a mocidade a falar o galego en distintas situacións, para axudala a mellorar a súa expresión oral de maneira que se sinta cómoda empregándoa en calquera ámbito, espazo ou nivel de formalidade”.
Ademais, Valentín García adiantou que desde o Goberno galego vaise estender este 90 aniversario durante todo o curso escolar 23-24 cunha exposición itinerante sobre a figura de Xosé Mosquera, que visitará varios centros de ensino de Galicia e Norte de Portugal, e coa impartición de obradoiros sobre a creación de podcast entre a rapazada.
As bases do certame
Poderán concorrer a estes premios o alumnado de 10 a 18 anos dos centros de ensino de Educación Primaria (5º e 6º cursos) e Secundaria de Galicia, así como doutros centros de ensino non universitario de Galicia e daqueles que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel, fóra da Comunidade Autónoma. Así mesmo, poderá participar o alumnado da mesma idade das escolas do norte de Portugal.
A solicitude de participación, que deberá formalizar o director ou directora do centro de ensino, poderá enviarse ata o 21 de decembro deste ano. Pola súa parte, os traballos, que deberán ser orixinais e inéditos, poderán presentarse ata o 1 de maio de 2024. Estes deberán estar relacionados coa vida e obra de Luísa Villalta, homenaxeada nas próximas Letras Galegas, ou con outros aspectos do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia a do norte de Portugal.
O certame establece dous premios, que serán anunciados antes do remate do curso escolar: un ao mellor traballo do alumnado de 5º e 6º de Primaria e outro ao mellor traballo dos centros de ensino secundario e doutros centros de ensino non universitario. Ambos os dous están dotados con 500 euros, lotes de libros para a biblioteca escolar, unha escultura orixinal conmemorativa para a aula e outra para o centro e un diploma acreditativo.
As bases completas poden consultarse no Portal da Lingua Galega.