A Xunta colabora na edición dunha guía que recupera tres roteiros turísticos polo pasado xudeu de Galicia

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación deste volume que recolle e divulga a presenza xudía na Galicia medieval

A obra, en edición bilingüe galego-castelán, está escrita pola axudante de investigación do Instituto Padre Sarmiento María Gloria de Antonio
 

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da guía Rutas polo pasado xudeu de Galicia, elaborada por María Gloria de Antonio Rubio, axudante de investigación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o centro de investigación mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia. O obxectivo desta obra, concibida como unha guía de viaxes, é recuperar e divulgar a presenza xudía no territorio galego durante a Idade Media.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades indicou que esta guía “promove un turismo cultural respectuoso coa contorna, que lles mostra o noso patrimonio e o noso pasado aos viaxeiros que chegan de lonxe, pero tamén aos galegos na lingua propia de Galicia”.

Canda Valentín García tamén participaron na rolda de prensa, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, Pablo S. Otero, director do Padre Sarmiento; César Lorenzo, representante de Aira editorial, que asumiu a edición do libro, e a autora.

Tres roteiros polo pasado xudeu de Galicia

Escrita en edición bilingüe galego-castelán, Rutas polo pasado xudeu de Galicia divide o seu contido en dous grandes bloques. O primeiro recompila aspectos xerais da presenza xudía en Galicia: as súas xuderías, alxamas, profesións, relacións internas entre os membros da comunidade, o papel das mulleres e, finalmente, o edicto de expulsión asinado polos Reis Católicos en 1492.

 

O segundo bloque céntrase nos tres roterios turísticos para visitar as vilas e cidades que, en maior ou menor medida, contaron con presenza xudía no seu territorio. Os itinerarios están concibidos a partir dos tres grandes grupos de poboación que as propias autoridades xudías realizaron no século XV para o cobro dun tributo: A Coruña, Betanzos e Pontedeume (ás que se unen Ferrol e Ribadeo), Ourense, Monforte, Ribadavia e Allariz (con Monterrei) e Baiona e Tui (ás que se engadiron Pontevedra e Santiago).

 

Sobre a autora

María Gloria de Antoino Rubio é licenciada en Xeografía e Historia e doutora pola UNED coa tese Las comunidades judías en Galicia, siglos XI-XV. Desde agosto de 2008, exerce como axudante de investigación de I+D+i no Instituto Padre Sarmiento. As súas liñas de investigación versan sobre as comunidades xudías baixomedievais, as mulleres que nelas viviron e a prosopografía da nobreza galega na baixa Idade Media.

Ademais, é autora doutros catro libros sobre a presenza xudía en Galicia: Los judíos en Galicia (1044-1492), publicado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza (2006), polo cal obtivo o Premio Internacional Samuel Toledano en 2008; Judíos e Inquisición en Ribadavia, editado polo Concello de Ribadavia (2009); Los judíos de Ribadavia, de Edicións Lóstrego (2004), e Os xudeus en Galicia, Edicións Lóstrego (2004).

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua